Ayuntamiento de A Coruña

10/02/2017 | News release | Distributed by Public on 10/02/2017 10:11

O Concello da Coruña resolve mensualmente unha media de 68,5 licenzas urbanísticas, un 44,8% máis que hai tres anos

O Concello da Coruña resolveu, tal e como reflicten os datos da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, un total de 596 solicitudes de licenzas urbanísticas no que vai de 2017, así como tramitou 1.476 comunicacións previas ao inicio de obras que, por ser de carácter menor, non requiren de licenza. Dende o departamento de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda infórmase de que a media mensual de xestión desta clase de expedientes, de 68,5 no caso das licenzas e de 179,6 nas comunicacións previas, supera de forma notoria ás cifras rexistradas na anterior etapa de goberno desde a entrada en vigor da Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade, o 1 de xaneiro de 2014. Dende esa data e até o o 31 de xuño do ano seguinte, baixo o anterior mandato municipal, no Concello tramitáronse 852 licenzas, sendo a media de 47,3 ao mes, mentres que se atenderon 2.454 comunicacións previas, 136,3 ao mes. Desta forma, o actual goberno tramita mensualmente, de media, un 44,8% máis de licenzas que na anterior etapa, así como un 31,7% máis de comunicacións previas.

Ao fío, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou hoxe que 'en contra de certas voces, as cifras avalan a xestión deste goberno'. 'Os datos son os que son, e os datos o que din é que neste momento, do Concello da Coruña saen máis licenzas que hai tres anos. O que se debería deixar de facer é desprestixiar á nosa cidade, porque mensaxes como as que lanza o PP non axudan ao desenvolvemento económico. Se un pasa todo o día dicindo que a cidade está mal, dende logo, iso non axuda a que sexa atractiva', explicou o rexedor, quen insistiu na necesidade 'de que a cidade se poña por encima dos partidos'.

Ademais, a área municipal dirixida por Xiao Varela tamén destaca o feito de que no que vai de 2017, o número de comunicacións previas ao inicio de actividades tramitadas é de 1.211, cunha media de 130,4 ao mes. Este dato volve ser superior ao executado polo anterior goberno municipal. En concreto, e segundo os datos recabados, dende xaneiro de 2014 até xuño de 2015 se tramitaron 1.720 comunicacións previas para negocios e actividades, sendo a media de 95,5 comunicacións ao mes, un 36,5% menos. Dende a entrada en vigor da lei do emprendemento e a competitividade, a apertura de establecementos e o exercicio de actividades económicas e empresariais está suxeita ao réxime de comunicación previa ao inicio da actividade. Os servizos técnicos municipais son os encargados de revisar os proxectos técnicos, así como a documentación presentada de cara a garantir que as actividades previstas se acomoden á normativa urbanística ou sectorial de aplicación.

Licenzas recentes

Ao fío, o concelleiro Varela manifestou que 'máis alá das cifras, que son suficientemente contundentes, temos numerosos exemplos que acreditan que as cousas se están a facer ben, con garantías e sen atrasos'. Así, o edil referiuse á recente licenza aprobada en Xunta de Goberno local para un edificio no número 176-178 da avenida de Finisterre, solar que levaba preto dunha década parado. 'As concesións constatan a liña de traballo que está a seguir o goberno local e se traduce en que, ademais dun aumento da actividade inmobiliaria, as promotoras, de forma maioritaria, están a entender e a adaptarse aos criterios que marca o novo PXOM, algo que no anterior mandato no se conseguira. Todo isto deriva dunha en actuacións urbanísticas máis respectuosas coa legalidade e co sentido común', incidiu o responsable municipal, quen tamén recordou outras concesións recentes de licenzas de edificios completos situados en Fernández Latorre, Tabacos, ou o polígono de Náutica, 'outro espazo onde, despois dunha década, conseguimos relanzar a actividade, dando seguridade urbanística e desbloqueando a urbanización, que levaba case unha década parada'.