Ayuntamiento de A Coruña

02/16/2017 | News release | Distributed by Public on 02/16/2017 04:18

O Concello abre a convocatoria das axudas do Bono Taxi, “que este ano amplía o rango de persoas solicitantes e facilita a súa tramitación”

A Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, abrirá a partir de mañá o período de convocatoria do Bono Taxi, programa que se basea na concesión de axudas económicas a persoas con diversidade funcional que teñen problemas para o uso do transporte público. O departamento municipal recorda que o período de solicitudes se activa un día despois da publicación das súas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A edil explica que este ano 'a convocatoria de Bono Taxi conta cunha serie de novidades, como son a ampliación do rango de persoas que poden optar ao mesmo, así como a adopción de medidas para facilitar a súa tramitación'.

En concreto, Xustiza Social, que destina a esta convocatoria un total de 125.000 euros, incrementou o límite máximo de renda marcado para poder ser beneficiario desta axuda, dende o 200% do IPREM (índice estatal que serve de baremo para a concesión de prestacións) até o 210%. Do mesmo xeito, aqueles e aquelas solicitantes que xa se teñan beneficiado do Bono Taxi durante o ano pasado --e no caso de que non se modificase ningunha das cuestións que deron lugar á concesión da citada axuda--, poderán substituír a presentación, de novo, da documentación esixida, por unha declaración acreditativa de que as circunstancias que implicaron a concesión do Bono Taxi o anterior exercicio non cambiaron. 'Esta é unha novidade especialmente importante para as persoas que o solicitan, pois significa que non terán que aportar de maneira reiterada en cada convocatoria de axudas a mesma documentación, cando as súas condicións non mudaron'.

As persoas solicitantes do Bono Taxi teñen que cumprir unha serie de requisitos, como son residir e estar empadroadas no Concello da Coruña e ter recoñecida, legalmente, a condición de discapacidade polo organismo competente da Xunta de Galicia, ademais de ser maiores de idade, non ser titulares de ningún vehículo e, como xa se indicou anteriormente, a partir desta convocatoria, non dispoñer de ingresos superiores ao 210% do IPREM. Unha vez se proceda á análise das solicitudes, así como a resolución da convocatoria, o Concello entregará os Bono Taxi en soporte cartón electrónico, ou ben en papel, polo importe total da axuda concedida anualmente en cheques de 0,5, 1 e 3 euros. Serán os e as taxistas as que posteriormente facturen ao Concello os servizos prestados.