Universidade de Santiago de Compostela

04/12/2017 | News release | Distributed by Public on 04/12/2017 03:24

O Campus Terra da USC habilita instalacións na Escola Politécnica Superior para acubillar unha adega experimental

Viñedo situado nas inmediacións da Escola Politécnica Superior de Lugo

O Campus Terra da USC vén de habilitar unhas instalacións da Escola Politécnica Superior como adega experimental, unha nova dotación coa que se pretende dar resposta é atender ás necesidades docentes e de investigación derivadas ou asociadas ao estudo de materias impartidas no centro universitario lugués, tales como o son Enoloxía, Enxeñaría de Procesos da Industria Enolóxica, Deseño e Xestión de Adegas, Viticultura, Industrias Fermentativas e Viticultura.

A crecente importancia que está a acadar o sector vinícola na sociedade actual e o feito de que o Máster Oficial de Enxeñaría Agronómica que se imparte na Escola Politécnica Superior da USC contempla unha especialidade en vitivinicultura son outros dos argumentos que xustifican a creación desta adega experimental no Campus Terra da USC. Esta nova dotación, concibida como laboratorio experimental acaído para realizar elaboracións e investigacións diversas, servirá asemade para que os estudantes poidan desenvolver prácticas de vinificación.

O acondicionamento de espazos na Escola Politécnica Superior como adega experimental constitúe asemade un novo acicate e tamén un recurso engadido para os diversos grupos de investigación asentados no centro universitario lugués cuxas liñas de traballo abranguen cuestións relacionas con novas elaboracións de viños e sidras, temperaturas de fermentación, envellecemento de viños en carballo galego, influencia do abonado e rega en viñedo na elaboración e na calidade dos caldos...

Un sector en auxe

A importancia do sector vinícola en Galicia está en auxe, como o demostra o feito de que existen cinco denominacións de orixe de viño: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrey e Valdeorras, ademais doutras tres denominacións de Viños da Terra: Barbanza e Iria, Terra de Betanzos e Val do Miño-Ourense. Nestas denominacións, segundo se desprende dos datos contabilizados pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, están inscritos máis de 16.000 viticultores, que cultivan arredor dunhas 9.500 hectáreas de viñedo e producen preto de 50 millóns de quilogramos de uva cada ano. O sector vinícola galego contabiliza asemade máis de 450 adegas inscritas nas que se elaboran uns 35 millóns de litros de viño de cada ano, unha produción cuxo valor económico supera os 150 millóns de euros.

A permanente aposta pola innovación é outra das características do sector vinícola de Galicia, que exporta fóra de España unha quinta parte da súa produción total. A este feito cómpre sumar asemade a a grande e recoñecida calidade dalgúns dos caldos producidos en Galicia, viños en constante evolución e que responden a novos procesos de elaboración, tales como son os tostados, os viños de barrica ou, entre outros, os fermentados sobre lías.

A importancia do sector vinícola como nicho de emprego dos enxeñeiros egresados da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC tampouco é menor, xa que a viticultura e a enoloxía constitúen dos dos eidos laborais nos que atopan traballo un bo número de enxeñeiros agrónomos formados no centro universitario lugués.