Ayuntamiento de A Coruña

10/06/2018 | News release | Distributed by Public on 10/06/2018 10:30

O alcalde empraza ás administracións con competencias no espazo portuario 'a repensar as novas condicións urbanísticas do bordo litoral' de cara á xuntanza da comisión de[...]

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, valorou positivamente esta maña a proposta da convocatoria da comisión de seguimento dos convenios asinados no 2004 vinculados á venda dos terreos dos peiraos interiores da Coruña. 'Levamos semanas dicindo que era o momento de pasar das boas sensacións aos feitos, polo é positivo que se avance nesta convocatoria da comisión, como levamos tanto tempo pedindo desde o Concello da Coruña', sinalou o rexedor, quen mostrou a súa vontade de colaboración e agarda que esta xuntanza 'marque o inicio da revisión dos convenios e permita dar por finalizada a formulación concreta que teñen uns documentos que supoñen a venda dos terreos portuarios'.

'A reunión da comisión ten que servir para que todas as administracións con competencias no espazo portuario sentemos a deseñar, en común, o futuro do noso bordo litoral e, polo tanto, as novas condicións urbanísticas para a protección da fachada marítima da Coruña', sinalou Ferreiro, quen lembrou que esta cuestión non exime de poder avanzar noutras liñas de traballo, como é a constitución dun ente público de cooperación interadministrativa, o estudo as fórmulas de condonación ou alivio da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña 'para que se poida discutir a formulación e ordenación urbanística sen a carga que supón esta débeda', ou a definición do proxecto de financiamento do tren do porto exterior.

Neste sentido, Xulio Ferreiro destacou a relevancia funcional, operativa e económica que supón a conexión ferroviaria con Punta Langosteira. 'Desde o Concello da Coruña agardamos que se poida avanzar no impulso á construción, necesaria e imprescindible, do acceso ferroviario, e o que foi un compromiso tan laxo do anterior goberno central se manteña por parte do actual executivo', apuntou o alcalde, quen lembrou que o goberno local segue a avanzar na composición do xurado que formará parte do concurso de ideas sobre o bordo litoral.