Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2018 | News release | Distributed by Public on 11/30/2018 11:21

A IV edición do Festival do Bocadillo Gourmet Boucatise celebrarase esta fin de semana no mercado de San Agustín

O mercado de San Agustín acollerá esta fin de semana a cuarta edición de Boucatise, o Festival de Bocadillo Gourmet. A iniciativa, impulsada polo Concello da Coruña e o Consorcio de Turismo, propón dinamizar a praza de abastos á vez que pon en valor un dos elementos máis salientables da cidade a nivel turístico, como é a súa gastronomía. Así, durante o sábado 1 e o domingo 2, entre as 12.00 e as 18.00 horas, o público poderá degustar as propostas culinarias de 12 establecementos de hostalería da cidade, como son Alma Negra, Bocanegra, Casa Pardo, Culuca, Finca Montesqueiro, Gastroteca, Greca Bar, Koh Lanta, La Teresa, Malte, Peculiar e Roots. Á cuarta edición do festival súmanse tamén 2 locais das cidades convidadas, como son o Mesón Octavio, de Ciudad Real, e Foodcraft, de Trujillo. Ambos municipios forman parte, como A Coruña, da rede de localidades gastronómicas Saborea España.

Todos os bocadillos gourmet, que se realizarán con produtos que se poden adquirir no propio mercado, terán un prezo que oscilará entre os 3,5 e os 5 euros. Ademais desta iniciativa, a veciñanza poderá degustar cocktails en San Agustín ou escoitar a música de DJ Cuco (sábado 1) e DJ RebeKid (domingo 2). Boucatise tamén contará con showcookings que xa teñen todas as prazas completas, e que ofrecerán Alma García (Greca Bar), Álvaro Gantes (O Lagar da Estrella), Álvaro Victoriano (Intenso), Belén García (Mesón Octavio), Daniel López (O Camiño do Inglés), Gonzalo Somoza (Koh Lanta), Gorka Rodríguez (Pulpeira de Melide), Iván Domínguez, Pablo Pizarro (Bocanegra) e Paco Chicón e Sergio Musso (Eclectic Gastro). Durante toda a fin de semana, ademais, establecerase un espazo específico para nenas e nenos, no que se realizarán xogos e actividades. Para máis información, pódese visitar o web http://boucatise.coruna.es