Ayuntamiento de A Coruña

09/06/2017 | News release | Distributed by Public on 09/06/2017 07:27

O Concello reforza a súa aposta por Alvedro no seu acordo con Vueling, que incrementa asentos nun 5%, mantén e optimiza as frecuencias a Barcelona e Valencia e consegue unha[...]

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen tamén é presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, salientou este mércores o 'destacable aumento' da oferta do aeroporto de Alvedro que, a partir do ano que vén, incrementará os seus asentos nun 5%, manterá o optimizará as frecuencias a Barcelona e Valencia e conseguirá unha nova ruta, neste caso a Mallorca que contará, a partir do mes de abril, con dúas frecuencias que se manterán todo o ano. O responsable manifestou que estas significativas melloras son posibles en base aos compromisos acadados coa compañía Vueling, coa que o Concello vén de establecer un novo convenio de promoción por valor de 1,5 millóns de euros. 'Estamos satisfeitos porque, non só imos experimentar un importante crecemento da oferta e das rutas, senón que, ademais, acadamos un aforro importante con respecto aos investimentos que o anterior executivo realizaba en protocolos deste tipo', indicou Lema, que recordou que, nada máis chegar a María Pita, en 2015, 'conseguiuse unha contención de gasto neste sentido que se traduciu nun aforro de 1,6 millóns de euros con respecto ao que o PP tiña proxectado gastar'.

Lema salientou, con respecto aos voos que Vueling opera dende Alvedro, 'o excelente resultado da terceira frecuencia a Barcelona, que leva mantendo unha taxa de ocupación moi alta e que é a principal responsable do aumento total de viaxeiros rexistrado ao longo deste ano'. En concreto, e segundo explicou o edil, o compromiso da compañía pasa por manter o incremento de até 20 frecuencias semanais ao que se chegou o pasado exercicio, se ben cos horarios mellorados. 'A ruta a Barcelona é realmente estratéxica, e así o entendemos dende un principio, xa que nos conecta cun aeroporto que se ten convertido nun verdadeiro hub, e o seu comportamento amosa que a decisión que tomamos no seu momento foi a axeitada', comentou o concelleiro, que explicou que o último enlace do día a Barcelona sairá ás 22.15 na vez de ás 22.45 como até o de agora. Ademais, tamén esta previsto que a terceira frecuencia do día a Barcelona se desenvolva a partir do vindeiro ano en horarios de mediodía, de forma 'que se ofrezan opcións de voo tanto pola mañá, como ao mediodía e á noite'. 'É unha distribución moito máis acordo para o perfil de negocios que ten o enlace, e de cara a facer máis sinxelos os enlaces turísticos', comentou.

Por outro lado, Lema saudou o feito de que Alvedro vaia contar cunha nova ruta a Mallorca, que terá dúas frecuencias semanais a partir do próximo verán e que, posteriormente, se manterá todo o ano. 'A pesar de ser un destino eminentemente turístico, estamos seguros de que poderá ofrecer bos resultados nos dous sentidos, tanto para Mallorca como destino, como para nós como receptores de visitantes das illas'. 'Ademais', indicou, 'a conexión con Mallorca abre novas e múltiples posibilidades de conexión con Alemaña e Centroeuropa, así que esta nova conexión é unha boa noticia por máis dunha razón'.

No caso de Valencia, o presidente do Consorcio de Turismo explicou que a liña 'tamén se repensou, buscando máis operatividade'. 'A partir de 2018 haberá novos días de operación desta ruta, sendo luns e venres en lugar de martes e sábados', dixo. 'Desta forma damos continuidade ao impulso que experimentou esta ruta o pasado ano, que aumentou un 33% as súas frecuencias globais e pasou a ter conexións durante todo o ano, con dous voos á semana', recordou. 'Seguimos a reforzar a conectividade dunha ruta pola que decidimos apostar dende o goberno local, e que agora pasa a ter voos o venres e o luns, o cal supón unha mellora importante respecto da súa actual operativa os martes e sábados' , engadiu. Do mesmo xeito, a compañía aérea tamén manterá a súa operativa diaria a Londres, 'unha conexión histórica da Coruña, na que estamos traballando, tendo en conta os reclamos cada vez maiores que temos para os turistas británicos debido ao Camiño Inglés'.

Por outro lado, o responsable de Emprego tamén chamou a atención sobre o feito de que Alvedro seguirá a manter a súa ruta a Gran Canaria desde xuño e, a partir dese momento, até final de ano, así como o enlace a Tenerife, que estará activo entre os meses de xuño a outubro.

'E, por suposto e, á marxe de todos estes enlaces, A Coruña será publicitada por Vueling en distintos soportes, dende as súas revistas, a redes sociais e medios visibles offline', dixo o concelleiro, que quixo destacar o aumento anual que está a experimentar Alvedro en número de pasaxeiros.

Neste senso, o concelleiro aproveitou a rolda de prensa para reclamar ao goberno central e, en concreto, ao operador aeroportuario estatal AENA, dependente do Ministerio de Fomento, 'unha aposta en condicións por Alvedro e a cidade da Coruña'. 'A taxa de desvíos que se están a dar nas últimas semanas non son tolerables e derivan o tratamento de segunda que o goberno central lle outorga a Alvedro, que non ten un sistema ILS nin unha alternativa ao mesmo', dixo.