Ayuntamiento de A Coruña

02/17/2019 | News release | Distributed by Public on 02/17/2019 07:05

A Concellería de Xustiza Social organiza de cara ao Entroido unha vintena de actividades infantís nos centros cívicos

Os centros cívicos municipais da cidade organizan unha vintena de actividades dirixidas a público infantil de cara ao Entroido, que se desenvolverán a partir do próximo día 27 e ata e o 9 de marzo, e que permitirán aos pequenos e pequenas acudir cos seus disfraces para gozar da animación musical e dos xogos que se desenvolverán con supervisión de persoal profesional. Ese día 27 terá lugar a primeira das 15 festas de disfraces que a Concellería de Xustiza Social e Coidados prepara para estas datas, dirixidas a nenos e nenas de ata 12 anos. Terá lugar no centro cívico de San Diego, en horario de de 17.30 a 19.30 horas. Ao día seguinte, xoves 28, o centro cívico municipal de Elviña acollerá a súa festa, no mesmo horario, mentres que o 1 de marzo (de 17.15 a 19.15 horas), a celebración trasladarase ao centro cívico dos Rosales. O sábado, 2 de marzo, haberá catro festas de Entroido, no centro municipal Novoboandanza (17.00 a 19.00 horas), no centro cívico de Monte Alto (17.30 a 19.30 horas), no de Feáns (17.00 a 19.00 horas) e no de San Pedro de Visma (18.00 a 20.00 horas). O luns, 4 de marzo, celebrará a súa festa o centro cívico de Mesoiro, en horario de 18.00 a 20.00 horas, e nesa mesma data ten prevista a súa celebración o centro do Castrillón (17.30 a 19.30 horas), o centro cívico de Palavea (18.00 a 20.00 horas) e o de Labañou (17.30 a 19.30 horas). O xoves 7, os festexos chegarán ao centro cívico municipal de Eirís, entre as 17.30 e as 19.30 horas, e o venres, 8 de marzo, no mesmo horario, haberá festa no de Monelos. O sábado 9 de marzo terán lugar as últimas dúas citas festivas, no centro cívico municipal da Cidade Vella (17.30 a 19.30 horas) e no dos Mallos (18.00 a 20.00 horas).

As festas teñen carácter gratuíto, pero as persoas que desexen asistir deberán recoller a súa invitación ou anotarse previamente en cada centro cívico no que se vaian realizar. As e os menores irán acompañados dunha persoa adulta durante toda a celebración.

Obradoiros

A maiores, a concellería organiza cinco obradoiros de Entroido, tamén de balde, para que nenas e nenos de entre 4 e o 8 anos poidan facer manualidades e crear as súas propias máscaras e antefaces reciclando materiais de refugallo. O primeiro destes talleres terá lugar o 1 de marzo no centro cívico de Pescadores, entre as 17.00 e as 19.00 horas. Ao día seguinte, entre as 11.00 e as 13.00 horas, os pequenos e pequenas que o desexen poderán asistir ao taller do centro cívico de Santa Margarita, ou ben, en horario de tarde, ao que se desenvolverá no centro cívico da Sagrada Familia, entre as 17.00 e as 19.00 horas. Por último, o luns 4 de marzo chegará a actividade ao centro cívico da Silva de 11.00 a 13.00 horas e ao centro de Artesáns, no mesmo horario de mañá.

Como nas festas, os obradoiros son de carácter gratuíto pero requerirán de inscrición previa nos propios centros cívicos.