Ayuntamiento de A Coruña

03/18/2019 | News release | Distributed by Public on 03/18/2019 18:31

O Concello celebrará o 23 de abril un acto de homenaxe á primeira corporación do período democrático, no 40 aniversario da súa elección

O Pazo de María Pita acollerá o martes 23 de abril unha xornada de portas abertas con motivo da conmemoración do 40 aniversario da constitución da primeira corporación do actual período democrático na Coruña. O acto, que presidirá o alcalde, Xulio Ferreiro, renderá homenaxe ás persoas que fixeron parte da corporación naquel primeiro mandato, liderado polo alcalde Domingos Merino. Esta mañá, o rexedor coruñés reuniuse no Pazo municipal con dous dos membros daquela corporación, como son Gonzalo Vázquez Pozo e Antonio Campos Romay, para abordar cuestións vinculadas á organización do acto.

O 19 de abril de 1979 o goberno municipal e o resto de membros da Corporación tomaron posesión das súas actas de concelleiras e concelleiros. 40 anos despois, o Concello renderá homenaxe á corporación que ocupou os primeiros escanos en María Pita logo do restablecemento da democracia no Estado. A cita, que terá lugar durante a mañá, tamén incluirá a realización de visitas guiadas gratuítas ao pazo municipal.