Ayuntamiento de A Coruña

03/18/2017 | News release | Distributed by Public on 03/18/2017 10:33

O Concello reforzará este luns o servizo do despacho de billetes da praza de Ourense co gallo da venda de entradas para o concerto de Joaquín Sabina no Coliseum

O próximo luns, 20 de marzo, ás 10.00 horas, sairán á venda as entradas para o concerto que Joaquín Sabina ofrecerá o próximo 22 de xullo no Coliseum, ás 22.30 horas. Co obxectivo de facilitar a adquisición de localidades por parte da cidadanía, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) reforzará o servizo de venda do despacho de billetes da praza de Ourense incrementando o seu persoal durante esta xornada. Este dispositivo especial que se despregará o luns, segundo indica o edil José Manuel Sande, titular da área, 'responde á previsible demanda que se poida producir, ante a expectación que está a xerar o concerto', polo que, 'para evitar incomodidade' á veciñanza que se desprace até o quiosco municipal na mañá dun día laborable, 'duplicarase o servizo de atención ao público, á fin que a venda se produza coa maior normalidade posible'.

En total haberá 6.500 localidades dispoñibles para o concerto de Sabina, no que presentará o seu novo traballo, Lo niego todo. As entradas poderán adquirirse, de forma presencial, desde as 10.00 horas da mañá no despacho da praza de Ourense, que abrirá ao público no seu horario habitual --09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas--. Ademais deste recinto municipal, as localidades, cuxo prezo se sitúa desde os 38 euros --tendido alto-- até os 90 euros --platea, das filas 1 á 8--, tamén estarán á disposición da cidadanía a través da web www.ticketea.com