Ayuntamiento de A Coruña

07/31/2018 | News release | Distributed by Public on 07/31/2018 05:46

Un total de 218 persoas fixeron o Camiño Inglés desde A Coruña no primeiro semestre do ano, un 55% máis que en todo 2017

Un total de 218 persoas fixeron o Camiño Inglés desde A Coruña ata Santiago de Compostela nos primeiros seis meses do ano, segundo os datos solicitados polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña á Oficina do Peregrino. Tal e como sinala o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presidente tamén do ente turístico da Coruña, no ano 2017 expedíronse 120 Compostelas, polo que 'o incremento é interesante e demostra que o plan de actuacións que se está a levar a cabo para a promoción do Camiño desde Turismo da Coruña vai dando os seus froitos'. As cifras no período consultado indican que máis do 25% das persoas que obtiveron a Compostela desde a cidade herculina son estranxeiras, entre as que destacan procedencias como Irlanda, Italia, Estados Unidos, Brasil ou Canadá.

Pola súa banda, a xerenta do Consorcio, Lanzada Calatayud subliña que estes números 'confirman que a cidade da Coruña xa aparece no mapa do Camiño de Santiago, grazas principalmente ás últimas accións de promoción, xa que coincide que dous dos países nos que se presentou o Camiño Inglés, e cos que máis interacción tivemos este ano, como son Canadá e Irlanda, aparecen nas estatísticas. Polo tanto, estamos avanzando na posta en valor e o crecemento sustentable desta ruta'. As últimas presentacións da cidade en asociacións internacionais de amigos do Camiño de Santiago, como a Canadian Company of Pilgrims e a Camino Society Ireland -visitadas en marzo e abril respectivamente-, permitiron remarcar a relevancia histórica que ten A Coruña como principal porto de acollida de peregrinas e peregrinos desde a idade media e reforzar as relacións con ditas organizacións. Como subliña Calatayud, 'a presenza do alcalde, Xulio Ferreiro, acompañando a Turismo da Coruña na visita a Canadá, foi moi positiva para a promoción da cidade e do Camiño e pode contribuír a mellorar estes resultados'.

O plan de accións que vén desenvolvendo Turismo da Coruña no último ano tamén inclúe a edición de materiais promocionais e informativos, entre os que cabe salientar a publicación da Guía do Camiño Inglés, xunto cun folleto e un mapa de mobilidade, que contou coa colaboración da Deputación. Por outra banda, e en colaboración co Xacobeo, mellorouse a sinaléctica na cidade e na súa contorna, e as e os visitantes poden facer unha visita teatralizada gratuíta A Coruña Xacobea, da man de William Wey, ilustre peregrino inglés que chegou por mar ao porto da cidade herculina no século XV deixando por escrito un dos relatos de peregrinos xacobeos máis antigos que se coñecen. Outra das medidas das xa implementadas é que as credenciais pódense selar de forma oficial e gratuíta a través das oficinas de turismo da cidade.

Como pon de relevo o concelleiro Alberto Lema, no último ano o ente turístico promociona o Camiño de Santiago na Coruña de forma máis intensiva, dado que é un dos 41 proxectos sinalados como prioritarios no Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020. De feito, o Consorcio ten prevista a creación dos Premios William Wey -para recoñecer a aquelas asociacións que máis están a traballar en difundir o Camiño Inglés desde A Coruña-, ou a organización do II Encontro Internacional do Camiño Inglés, por considerar que o seu apoio é básico para a difusión do destino e desta ruta, dado o éxito da primeira edición, celebrada en colaboración coa Deputación en novembro do 2016.