Ayuntamiento de A Coruña

10/05/2018 | News release | Distributed by Public on 10/05/2018 09:09

A xunta de goberno local acorda impulsar o desenvolvemento de 'Housing First', 'un programa innovador que facilitará o acceso á vivenda das persoas en situación de rúa'

A xunta de goberno local do Concello da Coruña deu esta mañá o seu visto e prace a impulsar a implementación e execución dun programa baseado no modelo Housing First. A proposta, que se realiza a través dun convenio de colaboración coa Asociación Provivienda, contará cun investimento de 67.000 euros e permitirá poñer unha serie de inmobles da cidade, con carácter permanente e incondicional, á disposición de persoas que se atopan en situación de rúa no termo municipal. 'Housing First é unha proposta innovadora, xa que rompe o modelo tradicional de ascenso en escaleira dos servizos sociais ao pasar, directamente, a recoñecer dereitos fundamentais da cidadanía como é o acceso á vivenda', explica a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán.

O modelo Housing First, que se enmarca dentro das políticas de loita contra as desigualdades postas en marchas polo executivo coruñés, propón facilitar o acceso a unha vivenda unipersoal 'como punto de partida para favorecer a recuperación da estabilidade vital e residencial das persoas sen fogar e, en consecuencia, da súa autonomía', sinala a edil. En concreto, diríxese especialmente a persoas sen teito e que presenten outras situacións de vulnerabilidade, vinculadas á saúde física ou psíquica. A posta en marcha desta medida conta co apoio complementario dunha persoa profesional encargada de acompañar á usuaria no seu proceso de incorporación social, 'outro dos puntos radicalmente innovadores desta proposta é que se basea no máximo respecto ás persoas, porque parte da idea de seguir, en todo momento, a liberdade de decisión da usuaria e respectar tanto as súas eleccións coma os seus tempos', apunta Cameán. 'Este xeito de entender o acompañamento está directamente vinculado co modelo de servizos sociais de proximidade que se está a implementar no Concello da Coruña, máis próximo e centrado nas persoas', asevera a responsable municipal.

De cara ao desenvolvemento do programa, a Asociación Provivienda comprométese, segundo o convenio de colaboración, á captación, aluguer, xestión e mantemento das vivendas ás que accederán as persoas usuarias do programa, --actuando a entidade como arrendataria--, e ofrecerá o seu apoio ao aloxamento, así como orientación e acompañamento necesario para poder manterse na vivenda e aumentar, progresivamente, a súa calidade de vida. Ademais, Provivienda comprométese á mediar en situacións de desacordo que se poidan producir vinculadas aos inmobles así como avaliar o impacto do proxecto na mellora da calidade de vida das persoas usuarias. Nestes momentos, segundo sinala a edil, a entidade atópase 'en pleno proceso de captación de vivendas na cidade'.

Cameán lembra, ademais, que esta experiencia Housing Fisrt se suma a outros proxectos postos en marcha polo goberno local nos últimos tres anos, como a creación do equipamento de baixa esixencia Centro Abeiro, que atendeu a 167 persoas durante o ano pasado; a posta en marcha do Plan de Acceso ao Hábitat Digno, que ofreceu solucións habitacionais para 17 familias, con 23 menores; ou o programa A Flote, que neste 2018 outorgou máis de 300 axudas de emerxencia sociais 'destinadas a facer efectivo o dereito a unha vivenda digna' para persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión e que precisan con carácter puntual recursos de apoio.

Licenzas

Por outra banda, o edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, deu conta do informe relativo ás licenzas e demais títulos habilitantes aprobados pola súa área entre o 18 de setembro e o 1 de outubro. Durante este período, a Concellería resolveu un total de 206 expedientes, dos cales 42 corresponden a licenzas urbanísticas, 98 son comunicacións previas ao inicio de obras e outras 41 son comunicacións previas ao inicio de actividade ou apertura de establecemento; ademais de 25 expedientes relativos a outra clase de títulos.

Durante a sesión, aprobouse tamén a expropiación definitiva dunha franxa de parcela --de 8 metros cadrados de solo urbano consolidado e cualificado como sistema viario local-- situada na rúa Marola para poder avanzar na segunda fase de reurbanización e mellora do espazo público da vía --cuxa primeira fase, enmarcada no proceso participativo Camiño do Vixía, levouse a cabo o ano pasado--. 'A actuación neste segundo treito da rúa está prevista para 2019 e mellorará a seguridade e accesibilidade da vía', segundo avanzou o edil Xiao Varela. A proposta da súa área, aprobouse tamén a concesión de licenza para modificar as obras autorizadas pola xunta de goberno local en 2017 e que permiten construír un edificio na rúa José Cornide, 4, parcela que se atopa dentro do trazado do Camiño Inglés. Os cambios afectan, principalmente, a elementos do interior do inmoble que, nun dos casos, repercute na propia fachada pero que non altera o esquema orixinal aprobado polo Concello e que conta, ademais, cun informe favorable da Consellería de Cultura.

Pavillón José Toubes

A xunta de goberno tamén deu luz verde ao proxecto de reforma do pavillón que se atopa na praza José Toubes Pego --no que se situaba a cafetería Remanso--, e no que o Concello investirá 423.272,47 euros para a creación dun equipamento polivalente e accesible para a veciñanza, como resposta ás demandas de infraestruturas sociais abertas á cidadanía. Ademais, a sesión serviu para encomendar a proposta de redacción da acta de replanteo do proxecto, de acordo coa actual Lei de Contratos do Sector Público.