Ayuntamiento de Ourense

10/08/2018 | News release | Distributed by Public on 10/08/2018 06:28

Concurso para elixir os carteis de Samaín e Magostos 2018

A Concellería de Cultura abre ata o 19 de outubro o prazo de presentación dos carteis anunciadores para as festividades de Samaín - Festa de Todos os Santos, 31 de outubro -, e a dos Magostos - 11 de novembro -.

Poderá concursar toda persoa física ou xurídica, excepto as persoas gañadoras da anterior edición no caso de que aceptaren formar parte do xurado. O premio do concurso para o deseño do cartel dos Magostos estará dotado con 800 €, e o de Samaín con 600 €. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto até o venres 19 de outubro.

Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará 'Concurso carteis Samaín 2018' e 'Concurso carteis Magosto 2018', acompañados dunha declaración de responsabilidade da súa autoría e do seu carácter inédito, e debaixo un pseudónimo ou lema, así coma cos datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirán os sobres das obras que resulten seleccionadas. O xurado valorará o conxunto de debuxos presentados tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. A decisión do xurado será inapelable.

Os deseños presentados quedarán en poder do Concello de Ourense, mentres que os deseños gañadores serán empregados como imaxe das festividades de Samaín e dos Magostos. Os restantes poderán ser recollidos nos 30 días seguintes á finalización do concurso, deberán achegar o xustificante que reciben en rexistro.

Características

Os carteis deberán de incluír obrigatoriamente os seguintes textos: 'Samaín: Mércores, 31 de outubro 2018' e 'Magostos: Domingo, 11 de novembro de 2018, Ourense. Festa de interese turístico'. Os orixinais, que deberán ser inéditos, serán presentados en dous tipos de soporte: Gravados en alta resolución nun CD (lexible en PC), en formato editable (Adobe Photoshop, Illustrator ou Freehand). Ou impresos e pegados sobre cartón pluma debidamente protexido de tamaño 50x70 cm. adoptando forma vertical.

Ademais, terán un espazo libre igual ou superior a 5 centímetros de alto no seu borde inferior para que, con carácter anterior á impresión, a Concellería de Cultura poida incorporar os logotipos e lendas que considere oportunos. O cartel elixido será utilizado tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para promocionar o programa de actividades destas festas.

As persoas participantes, polo feito de concursar, aceptan todos os puntos contidos nas bases Bases_samain_magostos.pdf