Ayuntamiento de A Coruña

09/05/2017 | News release | Distributed by Public on 09/05/2017 11:11

O Goberno local indica que o selado dos depósitos de Nostián “é un obxectivo prioritario do Concello, aínda que debe ser Albada quen realice as obras e a Xunta a que as[...]

O Goberno local da Coruña manifestou este martes que o recente anuncio por parte da Xunta de Galicia da apertura dun expediente sancionador a Albada, a concesionaria da planta de Nostián, polo incumprimento da obriga de selar dous dos seus vasos de depósito, ratifica que o Concello 'tiña razón en todas as reclamacións que vén facendo dende hai meses'. Preguntado polos medios de comunicación, o alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou que o executivo municipal 'leva xa moito tempo pedíndolle á Xunta de Galicia que actúe neste tema, e á empresa privada que asuma o seu deber de selar o vertedoiro, tal e como figura, ademais, nas distintas resolucións xudiciais que se foron coñecendo'. 'Para nós é un asunto prioritario que a cidade leva unha década anos arrastrando. A nós non nos interesa tanto que se sancione á empresa como que esta cumpra cos requisitos legais necesarios, para que se proceda ao selado dunha vez por todas', comentou o rexedor.

'Creo que despois dos últimos acontecementos e das resolucións coñecidas queda claro xuridicamente que é o que lle corresponde a cada actor implicado neste proceso. As obras de selado correspóndenlle á empresa, que debe facer o que lle pide a Xunta de Galicia, que é a administración con competencias sobre instalacións industriais. O noso desexo é que a adxudicataria non dilate máis un procedemento que leva moitos anos pendente e que parece que durante este mandato municipal fomos capaces de encauzar', engadiu.

Ao fío, a concelleira de Medio Ambiente, María García, explicou máis polo miúdo nunha entrevista radiofónica que 'solucionar a situación dos dous depósitos sen selar de Nostián foi unha prioridade do Goberno local dende o momento no que chegamos a María Pita'. 'Albada é unha concesionaria que desempeña un servizo a nivel municipal, pero é a Xunta, como administración con competencias sobre instalacións industriais, a que di que ten ser ela a que leve a cabo o selado', indicou, en alusión a que Nostián é unha instalación con catalogación de IPPC, segundo a lei reguladora 16/2002. 'Albada ten que actuar, pero a Xunta debe ser a que lle requira a execución desta orde', manifestou, á vez que recordou que o vertedoiro leva funcionando nesta situación dende o ano 2007, 'tendo ademais dende 2010 un proxecto validado para atallar a problemática dos vasos'.

Por outro lado, e con respecto ás necesidades e requirimentos administrativos, García comentou que, segundo unha das resolucións emitidas, é a firma concesionaria da planta de residuos de Nostián a que debe presentar o proxecto de selado na Consellería de Medio Ambiente da Xunta. 'Debe presentar un proxecto que estea firmado e validado por un técnico competente, recordando, ao fío, que os e as traballadoras municipais pertencen a unha administración que non ten competencias nesta materia, polo que debería tratarse de técnicos ou ben privados ou da administración autonómica', comentou a responsable municipal, que explicou que 'a vontade do Concello é que se cumpra coa legalidade e se poña fin á situación que levamos vivindo tanto tempo, non obstante, non estamos dispostas a que sexa a cidadanía da Coruña a que teña que facerse cargo dunha actuación que lle corresponde a unha empresa privada'.