Ayuntamiento de A Coruña

09/05/2017 | News release | Distributed by Public on 09/06/2017 04:25

A Coruña acolle por vez primeira o Campionato de España de Menores de Pádel, 'unha nova ocasión que demostra o atractivo da cidade para a celebración de probas deportivas'

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá a XXXI edición do Campionato de España de Menores de Pádel, unha competición que se celebra esta semana no municipio e na que participan 600 parellas de rapazas e rapaces de todo o Estado. O edil valorou positivamente que A Coruña sexa a primeira cidade, ademais de Madrid, que se converta en sede de celebración deste campionato, 'que supón, ademais, un motivo de orgullo ao acoller, por primeira vez en Galicia, esta competición'. O edil salientou a aposta do executivo por 'dar visibilidade a diferentes modalidades deportivas e as súas distintas categorías, como as traíñas, o snipe ou o pádel', unha disciplina que, tal e como sinalou Lema, 'conta cun importante número de veciñas e veciños federados e cun gran seguimento, como proba a celebración, nestes dous últimos anos consecutivos, do World Padel Tour na cidade'. 'Coa posta en marcha deste Campionato de Menores, A Coruña demostra, unha vez máis, que é unha localidade comprometida coa práctica deportiva, ademais de atractiva á hora de acoller, nos seus equipamentos, eventos do máis alto nivel', incidiu o concelleiro e responsable do Consorcio de Turismo.

Lema tamén destacou 'o bo síntoma que está a vivir A Coruña en canto a proxección de cidade viva e aberta' que supón a celebración desta competición desde onte e até o próximo domingo, 10 de setembro, en canto ao 'impacto directo que ten no sector hostaleiro', ao contribuír 'de forma significativa a dar continuidade ás altas cifras de ocupación hoteleira que estamos a experimentar este ano'. 'No campionato participarán 1.200 persoas, e moitas delas que veñen acompañadas de persoas adultas, polo que a celebración deste evento está directamente vinculada aos altos datos de ocupación que ten a cidade', explicou o concelleiro, quen engadiu que a cita tamén contribúe 'a afondar no obxectivo da desestacionalización do turismo que se marcou desde o Plan Estratéxico de Turismo'.

A competición, que conta co apoio do Concello e se desenvolve no Coruña Sport Centre (CSC), celebrará a entrega de trofeos o próximo domingo, día 10, nunha cerimonia na que estará presente o edil, que hoxe estivo acompañado na rolda pola xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, o Vicepresidente da Federación Española de Pádel, Manuel Fernández, e a representante do CSC, Cristina González. Para máis información sobre o evento pode consultarse a páxina web www.padelfederacion.es