Ayuntamiento de A Coruña

11/08/2017 | News release | Distributed by Public on 11/08/2017 12:50

O alcalde presenta a renovada cúpula do Parque de Eirís, 'unha mellora proposta pola veciñanza dun barrio vivo que se implica por facer da Coruña unha mellor cidade'

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta tarde a nova cúpula do parque de Eirís, proxecto que nace dunha das propostas veciñais que resultaron escollidas pola cidadanía para o seu desenvolvemento no marco do proceso de Orzamentos Participativos do ano pasado. Trátase da terceira das iniciativas que se poñen en funcionamento, ás que seguirán, neste mesmo mes, 16 bebedeiros de cans así como a mellora dos baixos do viaduto da ronda de Nelle. 'Hoxe é un gran día, pois reinauguramos esta cúpula logo de ter aplicado unha serie de melloras, que foron propostas a través dunha ferramenta como son os Orzamentos Participativos, e que contaron co resto do apoio da veciñanza. Por iso celebramos moito máis que o arranxo e mellora desta cúpula, celebramos que Eirís é un barrio vivo, que aspira a ser mellor, que pensa en conxunto e polo ben de toda a súa veciñanza', afirmou o rexedor durante o acto, no que estivo acompañado pola concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso. 'Poder traer a un barrio a resposta a unha demanda que partiu do compromiso das súas propias xentes é, sen dúbida, un acto de enorme satisfacción. Non é un tópico. A realidade é que non pode existir outra forma de gobernar que obedecendo. Por iso quero agradecer ás xentes de Eirís, caracterizadas historicamente pola súa solidariedade, a implicación e o seu esforzo por facer desta unha cidade mellor no seu conxunto', engadiu Ferreiro. As obras de renovación da cúpula comezaron o pasado 9 de outubro, e consistiron na consistiron substitución do pavimento de area por unha soleira de formigón, un material máis limpo e que facilita o acceso das persoas con mobilidade reducida. Durante os traballos, nos que o goberno local investiu 8.845,87 euros, eliminouse tamén a maceta central e cambiouse o modelo dos bancos, en favor dun asento máis ergonómico así como a súa disposición, co obxectivo de mellorar o rendemento da superficie cuberta pola cúpula.

Esta é a terceira proposta que o goberno local pon a funcionar este ano en relación ao proceso de Orzamentos Participativos de 2016, tras abrir nos últimos meses o parque biosaudable do Castrillón e a instalación de bolardos fronte ao CEIP Manuel Murguía, que se completarán con novas propostas cidadás ata final de ano.