Results

Ayuntamiento de A Coruña

02/15/2019 | News release | Distributed by Public on 02/15/2019 07:44

A Concellería de Xustiza Social pon en marcha en marzo o programa educativo Parentalidade Positiva, para dotar ás familias de estratexias que fomenten unha mellor convivencia

A Concellería de Xustiza Social e Coidados pon en marcha o vindeiro 15 de marzo, no centro cívico de Elviña, o programa 'Parentalidade Positiva, Estratexias educativas para fomentar unha convivencia familiar positiva', unha iniciativa dirixida a nais e pais que se enmarca nas políticas públicas, a atención e protección da infancia e familia e que está centrada en abordar desde o comunitario e en rede a corresponsabilidade familiar. O programa educativo fundaméntase, segundo indica a concelleira desta área, Silvia Cameán, na importancia de visibilizar a necesidade dunha atención parental positiva e equilibrada desde a igualdade, co coidado dos e das menores e o traballo emocional, tratando de axudar ás familias para identificar e organizar os seus recursos a exercer adecuadamente as súas responsabilidades parentais, e que ao mesmo tempo recoñezan as súas competencias, resiliencias, e dificultades. 'O obxectivo é que os pais e nais, identifiquen, reflexionen e analicen as súas crenzas, sentimentos, aptitudes, e actitude respecto a situacións cotiás no seu modelo educativo, intercambiando nas distintas sesións, opinións, crenzas, estratexias, etc...con outras familias', sinala a responsable municipal, que fai notar que o programa xa foi testado inicialmente cun grupo minoritario da zona de Elviña o curso pasado. Nesta nova etapa, a pretensión do Concello é amplialo a toda a comunidade de familias que queiran participar, e ao mesmo tempo conectalo coas distintas entidades da contorna comunitaria, como centros educativos, centro de saúde ou as ANPA, nese obxectivo de traballar en rede.

Os obradoiros, que son de carácter gratuíto, teñen aberta a inscrición ata o día 8 de marzo. Para anotarse, as persoas interesadas deberán enviar un correo á dirección [email protected] co nome, apelidos e teléfono. O programa dará comezo o 15 de marzo e desenvolverase ata o 7 de xuño. Ao longo das sesións, as persoas participantes abordarán temáticas e bloques informativos relativos ás características evolutivas dos e das menores, habilidades cognitivas de relaxación e de autorregulación emocional, autoestima e asertividade no desenvolvemento da función parental, estratexias de resolución de problemas e de negociación ou disciplina para fomentar a autorregulación do comportamento dos fillos e as fillas, entre outras cuestións.

O programa, que conta coa colaboración do Grupo de Investigación en Intervención Educativa en el Ámbito Familiar, Escolar y Social da Universidade de Oviedo, prevé desenvolver a través da formación parental unha metodoloxía que, como apunta a concelleira de Xustiza Social, terá como base a experiencia, os contidos e o material que xa se realizou en Asturias, a través dun proxecto impulsado avalado polo Ministerio de Sanidade, Benestar e Consumo.