Ayuntamiento de A Coruña

11/10/2017 | News release | Distributed by Public on 11/10/2017 11:19

A Coruña acolle a II Xornada de Innovación nas Políticas Locais de Emprego, “que referenda a aposta do Concello pola formación fronte á precarización á hora de atraer[...]

O Paraninfo da Universidade acolleu este venres a segunda Xornada sobre A Innovación nas Políticas Locais de Emprego, encontro organizado polo Concello en colaboración coa UDC e a Escola de Relacións Laborais da Coruña, dirixida a analizar 'a forma en que as cidades poden xerar emprego de calidade, apostando pola economía social, a sostibilidade e, sobre todo por proxectos innovadores'. Así o indicou o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, quen participou neste congreso, que foi inaugurado esta mañá polo alcalde, Xulio Ferreiro, que recordou a obriga das administracións públicas de traballar a prol da inserción dos sectores con máis problemas de acceso ao mercado laboral 'por medio, sobre todo, da formación e a innovación, na vez do abaratamento de custos ou a precarización'.

Con máis dun cento de persoas inscritas, esta xornada sobre innovación nas políticas sociais de emprego abordou diversas cuestións tales como a promoción laboral a través da administración local coa aplicación de cláusulas estratéxicas e sociais á hora de abordar a contratación de provedores, algo que o goberno local da Coruña introduciu xa en 2015 nos procesos de licitación, así como o fomento da innovación social nas políticas municipais para favorecer o emprego. 'Esta xornada ilusiónanos especialmente xa que tamén falamos sobre a perspectiva do emprego na Área Metropolitana, así como reflexionamos sobre as políticas de inserción laboral da xuventude desempregada', apuntou Lema.

Pola súa banda, o alcalde recordou que o Concello da Coruña vén de poñer en marcha recentemente o Plan de Emprego Xuvenil, que ademais se ve reforzado con programas como Coruña Emprega, iniciativa que busca favorecer a inserción socio-laboral de persoas pertencentes a colectivos vulnerables ou con dificultades de acceso ao mercado laboral, como mulleres, persoas desempregadas de longa duración, mocidade e maiores de 45 anos, a través de itinerarios formativos personalizados.

Esta II Xornada de Innovación contou con ponencias de traballadores e traballadoras da administración pública tanto da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, así como de Barcelona e Logroño especializadas nas políticas laborais, así como representantes das principais centrais sindicais da cidade, da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC).