Results

Ayuntamiento de A Coruña

03/17/2017 | News release | Distributed by Public on 03/17/2017 10:33

O Concello celebra o Día da Árbore para iniciar o seu plan de expansión de arborado, que na primeira fase levará 65 novos exemplares a catro barrios da cidade

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe María García, celebrará o Día da Árbore, efeméride que ten lugar no Estado o 21 de marzo, iniciando un plan de expansión de arborado que nunha primeira fase consistirá na plantación en catro barrios distintos da cidade de 70 árbores, co fin de aumentar a ratio de zonas verdes que existen no municipio e, sobre todo, de cubrimento de superficie por parte das copas. Segundo explicou a concelleira, 'as políticas do cemento que imperaron nesta cidade durante décadas fixeron que esteamos afastadas dos parámetros recomendables que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) no que atinxe á superficie recomendada de árbores por habitante'. 'Actualmente, estamos en case un 1,5%, cando o que se recomenda é estar en torno ao 20%', indicou a edil, que manifestou, non obstante, que 'é posible acadar ese obxectivo'. 'A expansión do arborado nunha cidade para nada está reñido co progreso nin coa modernidade. Nova York si cumpre, por exemplo, esa porcentaxe, e o noso empeño vai ser ese', engadiu. 'É necesario que a poboación sexa consciente da importancia das árbores a nivel planetario: son importantes reguladoras do clima, e a súa relación é directa na loita contra o cambio climático xa que melloran considerablemente a calidade do aire e funcionan como unha gran pantalla acústica', destacou.

'Esta Día da Árbore debe ser o pistoletazo de saída para poñer en marcha unha serie de actuacións destinadas a expandir o arborado na cidade', comentou García, que destacou que a plantación de 70 novas árbores repartirase en catro barrios distintos da cidade: Barrio das Flores (20), Monte Alto (27), Novo Mesoiro (13) e Eirís (5). 'Estas plantacións responden ademais a demandas veciñais, e no camiño de que cidadanía participe e sexa consciente da importancia das árbores e zonas verdes, o proceso de plantado será levado a cabo coa axuda de catro centros escolares, o CEIP María Pita, o Sanjurjo de Carricarte, Manuel Murguía, e o centro de Educación Especial Nuestra Señora del Rosario - Aspronaga', salientou.

A plantación no barrio de Monte Alto levarase a cabo no parque Carlos Casares. 'É un barrio moi poboado, polo que apenas hai espazo para novas plantacións, por iso escollemos o parque Carlos Casares, como entorno especialmente privilexiado', comentou a responsable municipal, que destacou que as árbores non interferirán 'coas vistas que pode ter a veciñanza da zona alta do parque'. A especie escollida será a moreira, debido a que se trata dun espazo moi condicionando polo vento e a salinidade.

No caso do Barrio das Flores, García explicou que 'se ben o centro ten unha concentración arbórea moi importante, a periferia non está na mesma situación, polo que queremos tender pontes na beira leste do barrio, así como nas áreas asociadas a viarios de nova creación'. En concreto, na rotonda da Avenida de Monelos e a nova rotonda de conexión do Ofimático procederase á plantación da denominada faia vermella (fagus sylvatica purpúrea). Na isleta divisoria da Rolda Camilo José Cela e o Túnel de Casablanca plantarase freixo e ciroleiras aproveitando o trazado dunha antiga liña eléctrica. Na rúa Lirios tamén se colocarán ciroleiras coincidindo co trazado do Camiño de Santiago. En Novo Mesoiro, a Concellería de Medio Ambiente aposta pola plantación de arborado de folla perenne co obxectivo de axudar a parar o vento. 'Ademais, escollemos, como demandaba á veciñanza, o sobreiral, debido a que historicamente había moitas árbores desta especie nesta zona', explicou. Nesta primeira fase de expansión, en Eirís proxéctase a plantación de cinco castiñeiros.

A concelleira avanzou, non obstante, que o seu departamento traballa xa nos seguintes pasos do plan de expansión de arborado, tendo en conta que tamén está recollido nos presupostos municipais, en base á experiencia dos orzamentos participativos, a colocación de 111 árbores en Eirís. O espazo axeitado para a súa colocación, ao igual que outras zonas da cidade, escollerase en base ao Estudo de Zonas de Oportunidade de Expansión de Arbolado que se levará a cabo, 'un mapeo da cidade que servirá para escoller os lugares de oportunidade e correlación coas especies máis axeitadas para o seu emprazamento'.