Ayuntamiento de A Coruña

11/01/2019 | News release | Distributed by Public on 11/01/2019 09:41

Inés Rey preside en Santo Amaro a tradicional ofrenda floral na celebración do Día de Todos os Santos

A alcaldesa, Inés Rey, acompañada pola corporación municipal, presidiu esta mañá no Cemiterio de Santo Amaro a tradicional ofrenda floral do Concello na celebración do Día de Todos os Santos.

A rexedora depositou flores ao pé da Cruz dos Esquecidos, xunto á placa conmemorativa dos Defensores Falecidos da Lingua Galega, ante a sepultura de Juana de Vega e o Monumento aos Mortos pola Liberdade. Durante o acto escoitáronse as voces da coral Follas Novas interpretando 'Negra sombra'.

Inés Rey sinalou que este 1 de novembro a cidade e a corporación réndelle homenaxe 'ao traballo das mulleres e dos homes que axudaron a construír unha cidade máis liberal vangardista e solidaria.'. Algunhas, dixo, como Juana de Vega, cuxo activismo político a levou a 'elevar a súa voz a favor das causas menos favorecidas', outras que desde o anonimato tamén axudaron a construír unha Coruña máis xusta, e a todas aquelas que coa súa loita 'axudaron a que hoxe esteamos aquí exercendo os nosos dereitos con plena liberdade'.

A alcaldesa lembrou que a historia de Juana de Vega 'é a historia da cidade'. Unha historia, sinalou, que 'tamén se escribe con nomes como Curros Enríquez, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Linares Rivas, Pucho Boedo... Para a rexedora, a única maneira de seguir avanzando como cidade é poñer as persoas protagonistas da nosa historia no lugar destacado que merecen 'tendo en conta o que fixo quen nos precedeu e dándolle o seu lugar'.

Melloras nos cemiterios

Doutra banda, o Concello continúa o seu plan de ampliación, mellora e mantemento dos cemiterios. Responsables da Concellería de Medio Ambiente anunciaron que no cemiterio de Santo Amaro acaban de finalizar as obras para arranxar as cubertas e a impermeabilización.

Ademais, ampliouse o pavimento de formigón armado nos corredores transversais e mellorouse o pavimento central seguindo as indicacións de Patrimonio. Os traballos tamén inclúen canalizacións, pluviais e baixantes, así como a instalación de claraboias nas zonas dos cinceiros.

Tamén se está valorando a idea de abrir de novo a capela exterior, non para celebrar o culto, senón para que sexa visitada polas coruñesas e coruñeses. Para iso, estúdanse dúas alternativas; por unha banda recuperar a cantería e as imaxes e manter o seu carácter oratorio ou, doutra banda, como centro de interpretación histórica do cemiterio.

En canto ao cemiterio de Feáns, desde Medio Ambiente destaca o incremento en dúas fileiras de nichos de dous departamentos, construíuse unha torre de cinceiros e colocaranse túas baixas na separación entre camiños. Falta, indican, realizar labores de impermeabilización de cubertas, que se poñerán en marcha cando o tempo o permita.

O Concello non ten previsto levar a cabo ningunha actuación no camposanto de Oza porque o seu estado de conservación é satisfactorio.