Ayuntamiento de A Coruña

10/07/2017 | News release | Distributed by Public on 10/07/2017 08:59

O Concello adxudica as obras de acondicionamento que permitirán abrir o antigo cárcere da Torre ao uso socio-comunitario e cultural

O Concello vén de adxudicar as obras de acondicionamento no antigo cárcere da Torre que permitirán abrir distintas dependencias do edificio a proxectos de dinamización cultural e socio-comunitaria. O contrato, que ten un custo de 184.659 euros, prevé unhas obras de 56 días de duración, que servirán para acondicionar unha serie de espazos para poder acoller estes novos usos, tal e como avanzou este sábado o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, durante unha entrevista en Radio Coruña Cadena Ser. Os traballos principais consisten no saneamento e impermeabilización da cuberta de todo o edificio, para evitar o seu deterioro debido ás filtracións de auga, e actuacións en certas estancias na zona máis próxima ao Paseo Marítimo, para habilitar distintos espazos, como a entrada do inmoble, un patio interior ou algunhas salas, 'posibilitando usos usos e funcións o máis flexibles e variadas, buscando que sexan polivalentes', indicou o responsable municipal. A intervención alcanzará tamén a instalación eléctrica, os percorridos contraincendios e incluirá a retirada de elementos como cascotes.

Deste xeito, e como sinala Varela, o inicio dos traballos nas próximas semanas permitirá ter as obras rematadas a finais de ano para poder dar cabida ás actividades socio-comunitarias e culturais recollidas no convenio asinado co SIEP -a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios SA, dependente do Ministerio do Interior- para a cesión do inmoble ao Concello durante dous anos prorrogables. O contido deriva do proxecto elixido a través dun proceso de concorrencia pública para a cesión de usos destes espazos, para dinamización de actividades sen fins lucrativos e de carácter artístico, educativo, sociocultural e lúdico.