Results

Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2017 | News release | Distributed by Public on 11/30/2017 11:05

O Concello promove un estudo para definir a transición da xestión do transporte metropolitano cara a unha autoridade única

O Concello vén de encargar un estudo sobre a situación do transporte público na futura Área Metropolitana, que contribúa a definir a transición da forma actual de xestión cara a unha autoridade única de transporte, no marco no que traballa a Mesa Metropolitana de Transporte para a creación dun mapa de transporte metropolitano. Así o explicou este xoves o alcalde, Xulio Ferreiro, tras o encontro que mantivo co novo rexedor de Culleredo, José Ramón Rioboo, na que foi a súa primeira visita institucional. 'A Coruña leva tempo xa traballando con outros concellos, como é o de Culleredo, para ter un deseño do transporte metropolitano desde unha perspectiva conxunta, porque temos dúas mallas de transporte, que son a urbana e a interurbana, e temos que facer que casen nunha metropolitana', indicou, e se remitiu ao convenio entre o Concello e a Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona, para o estudo da futura rede de transporte metropolitana, financiado desde a administración coruñesa.

Trátase, como fixo notar, 'dun plan ambicioso, moito máis que cambiar unhas liñas ou abordar ata onde entran outras, que supón crear un mapa de transporte metropolitano que trate a área da Coruña como o que é, como unha unidade, e que a xestión dese transporte se faga desde unha autoridade única, que estaría dentro da Área Metropolitana da Coruña', salientou. Neste sentido, Ferreiro volveu a demandar da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que remita ao Concello 'os datos que lle levamos demandando desde setembro sobre ocupación, frecuencias e subida e baixada de persoas viaxeiras do transporte metropolitano, porque é información que precisamos para poder facer de xeito rigoroso o noso estudo para deseñar adecuadamente as liñas de transporte urbano da Coruña, para que encaixen nun deseño diferente das liñas interurbanas'.

A xuntanza con Rioboo ía dirixida, segundo indicou Ferreiro ao remate, a abordar temas de interese común dos dous concellos, como é a constitución da área metropolitana. 'Tanto Culleredo como A Coruña camiñamos nunha liña semellante, entendendo que a área é necesaria para mellorar na eficiencia e eficacia dos servizos que ofrecemos, e porque os desafíos que temos son comúns, e os problemas das nosas veciñanzas tamén son comúns, polo que a resposta debe darse en clave metropolitana', sinalou Ferreiro, quen definiu a área metropolitana como 'o instrumento que nos permitirá coordinar todas as actuacións e ademais ter o peso político que debe ter a cidade metropolitana da Coruña en Galicia'. Nese sentido, chamou a pensar 'a escala' na que se proxectará A Coruña metropolitana do futuro. 'Hai que ver se queremos pensar a unha escala de 250.000 habitantes ou a unha escala de 450.000 de persoas que somos en común, e polo tanto, a construción da área metropolitana vai depender da nosa escala; se xogamos na división das cidades medianas ou na división de grandes cidades, incluso a nivel europeo', advertiu. Nesa liña, avogou por un plantexamento ambicioso, 'que vaia máis alá de mancomunar servizos', porque 'mancomunar servizos é unha parte da área metropolitana, pero o obxectivo principal é tratar politicamente asuntos como a creación de emprego, planificación do territorio, futuro económico da nosa área, cuestións politicamente relevantes que requiren de algo máis que un consorcio', observou, en contraposición a fórmulas 'ineficientes', como a multiplicación de órganos de xestión como os consorcios.

Na mesma liña, Rioboo sinalou ao remate da reunión que Culleredo seguirá defendendo a idea da área metropolitana, en consonancia do acordo plenario deste concello, e apostou por 'ir subsanando as discrepancias que poida haber en algúns concellos e instar tamén aos grupos socialistas dos diferentes concellos da comarca a ir en clave de área e a falar no mesmo idioma en todos os municipios, para que haxa un entendemento'. Tamén, avanzou que nos próximos días se retomarán os encontros do proceso participativo da área metropolitana, que no caso de Culleredo quedaron suspendidos, segundo indicou, polo cambio da alcaldía. Esta mesma tarde, o alcalde coruñés participa nunha nova xuntanza dentro deste marco, que terá lugar no edificio Liceo de Betanzos a partir das 19.30 horas.