Ayuntamiento de A Coruña

01/08/2019 | News release | Distributed by Public on 01/08/2019 12:00

Rexeneración Urbana tramita subvencións municipais para a rehabilitación de máis de 2.200 inmobles por valor de 2,4 millóns

A Concellería de Rexeneración Urbana, dirixida por Xiao Varela, tramitou subvencións para a rehabilitación de vivendas por valor de algo máis de 2,4 millóns de euros a un total de 2.233 persoas beneficiarias, 1.997 propietarias de vivendas e 235 de locais de carácter comercial. O responsable municipal salientou que estas axudas enmárcanse dentro da liña de subvencións Coruña Rehabilita posta en marcha a finais do ano pasado polo seu departamento municipal e que estaba destinada a aportar fondos a particulares propietarios e propietarias tanto de vivendas como de locais comerciais. As axudas van vinculadas á rehabilitación dos elementos comúns como cubertas, fachadas ou portais, en edificios con máis de 50 anos de antigüidade --e nos que non se acometesen este tipo de intervencións, de xeito integral, nese período--, ou de habitabilidade en vivendas --instalacións interiores da vivenda, rehabilitación de baños ou cociñas, entre outras-- tamén en máis de 50 anos. As axudas municipais tamén estaban destinadas a subvencionar traballos de soterramento do cableado exterior, melloras de eficiencia enerxética, a actuacións dirixidas á supresión das barreiras arquitectónicas nos inmobles e a instalación e adaptación de ascensores á normativa vixente.

Segundo indicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, unha parte destas subvencións xa se están a aboar, mentres que noutros casos é necesario que as persoas beneficiarias aporten maior información xustificante sobre as actuacións realizadas ou previstas. Varela destacou que estas son as primeiras desta natureza que se tramitan logo de que o goberno local aprobase o pasado ano a modificación da ordenanza de conservación e rehabilitación.

Os cambios introduciron unha suba substancial dos límites de subvención, tanto en ámbito Pepri como no resto da cidade. De forma xeral, as contías incrementaranse de 5.000 a 15.000 euros para vivendas unifamiliares catalogadas no ámbito Pepri (12.000 no caso de edificios con varias persoas inquilinas para realizar obras de conservación dos elementos comúns), mentres que nas vivendas unifamiliares non catalogadas pasarase de 3.000 a 12.000 euros de axudas (9.000 en casos de vivenda xeral). A modificación fixo tamén que á hora da selección dos e das beneficiarias se tivesen en conta criterios sociais, polos que as rendas máis baixas podían recibir até un 30% máis de achegas.

Ademais deste investimento, o titular da área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda lembra que, no marco da aplicación das Axudas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, destinaranse un total de 3.276.996 euros que permitirán acometer 236 intervencións para o impulso das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) do grupo María Pita (Labañou), casas populares da rolda de Outeiro (Katanga) e no ámbito PEPRI (Cidade Vella e Pescaría). Nesas axudas, o goberno do Estado participa cun 40%, o Concello cun 30% e a Xunta cun 10%.