Results

Ayuntamiento de A Coruña

11/02/2018 | News release | Distributed by Public on 11/02/2018 06:59

O Concello abre a convocatoria para deseñar o calendario oficial de competicións ou eventos deportivos de 2019

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de presentación de propostas que poderán formar parte do calendario oficial de competicións ou eventos deportivos que se desenvolverán no termo municipal, tanto no espazo público como en instalacións deportivas municipais. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá semestralmente, é a confección e planificación, con antelación suficiente, da actividade deportiva da cidade, de xeito que todos os eventos previstos polas entidades se poidan distribuír debidamente no tempo e evitar a concentración, para así favorecer que cada actividade teña unha difusión axeitada. A convocatoria para o calendario oficial do primeiro semestre de 2019 diríxese a asociacións, clubs, federacións, fundacións e demais entidades deportivas sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas no rexistro correspondente, que teñan prevista a realización dalgún tipo de evento ou competición nos primeiros meses do ano que vén. Quedan excluídas, polo tanto, as fases regulares das competicións xa fixadas ao inicio da tempada deportiva das federacións das respectivas modalidades, sen prexuízo de que o propio servizo municipal de Deportes as inclúa, de oficio, neste calendario.

As entidades interesadas en incluír o seu evento deportivo neste calendario oficial deberán presentar, en calquera oficina do Rexistro municipal, unha memoria sobre a actividade que pretende desenvolver. Neste documento constarán, entre outras cuestións, da modalidade deportiva, data, lugar e número de participantes previstos. No caso que se pretenda realizar a actividade no espazo público, deberase achegar un plano con indicacións das zonas que se ocuparán, e de ser necesaria a utilización dunha infraestrutura, indicar as características da mesma --a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que a presentación desta memoria non exime da presentación da restante documentación requirida pola Lei 10/2017 para a celebración do evento--. Xunto á memoria, será preciso incluír unha declaración responsable na que se manifeste a aceptación das condicións da convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes, rematará o 30 de novembro. No suposto que se dea un conflito de datas e lugares entre distintas iniciativas para incluír os eventos no calendario, a área que dirixe José Manuel Sande establece unha serie de criterios de cara a resolver esta situación, entre os que se inclúen o número de participantes ou de edicións ou o nivel de categoría da competición, entre outras cuestións.

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que, en ningún caso, a inclusión no calendario oficial dará lugar á cesión gratuíta dos espazos para o seu desenvolvemento nin implicará ningún tipo de colaboración económica por parte do servizo de deportes. Para máis información sobre a confección do calendario e a documentación necesaria para participar no mesmo, pódese visitar a páxina web de Deportes, www.coruna.gal/deportes, ou ben a sección específica sobre a convocatoria deste primeiro semestre do ano, que se atopa no enlace http://www.coruna.gal/portal/gl/cidade/deportes/calendario-oficial-de-competicions-e-eventos-deportivos