Ayuntamiento de A Coruña

10/03/2017 | News release | Distributed by Public on 10/03/2017 07:31

Culturas afonda na súa aposta pola creación local coa programación de dúas estreas de compañías da Coruña dentro do ciclo 'Todo Público', que arrinca este venres

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Fórum Metropolitano dúas obras de compañías locais que abrirán a programación do ciclo de artes escénicas Todo Público para este outono. Ela, de Caramuxo Teatro, unha reivindicación sobre a figura de Maruja Mallo, e Aguratrat!, de Pérez & Fernández, baseada nun conto de Roald Dahl, serán as pezas que se representarán por primeira vez ante o público no auditorio do Fórum os días 6 e 12 de outubro, respectivamente. Tal e como anunciou o edil, 'trátase de dúas estreas de compañías coruñesas que ofrecerán dúas das producións máis salientables que teremos esta tempada'. 'A idea deste Goberno é apoiar e acompañar os espectáculos de artistas locais e, neste sentido, cómpre salientar que tanto Caramuxo como Pérez & Fernández están a realizar unha residencia técnica neste equipamento municipal', sinalou Sande, quen estivo acompañado na rolda de prensa por membros das compañías, así como polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora do Fórum Metropolitano, Begoña Llamosas.

A primeira das obras, Ela, é un espectáculo de teatro e danza para públicos desde os tres anos, e que se inspira na obra e na figura de Maruja Mallo, co obxectivo de homenaxear 'e reivindicar a unha das mulleres máis importantes das vangardas artísticas, que se anticipou ao seu tempo e que deixou unha fonda pegada no panorama pictórico e na vida cultural', segundo sinalou Laura Sarasola, de Caramuxo Teatro. 'A finalidade desta obra é tamén achegar a arte plástica tanto as nenas e nenos, como ás súas familias. Queremos que esta peza, que non é textual, sexa unha canle para levar, máis alá, a arte do teatro e da pintura', especificou Sarasola. O espectáculo, que conxugará diferentes técnicas e disciplinas artísticas sobre o escenario, representarase este venres, día 6, ás 20.00 horas.

Na semana seguinte, o xoves día 12, ás 18.30 horas, terá lugar a estrea da obra Augratrat!, unha adaptación teatral do libro Esio Trot, de Roald Dahl, que levará ao escenario do Fórum Metropolitano a compañía Pérez & Fernández. 'A obra está baseada nun dos contos menos coñecidos deste autor universal, e conta unha historia de amor e aventuras que ten ao Señor Hoppy e a Señora Silver, dúas persoas maiores, como protagonistas, ademais dunha tartaruga, que dá pé ao inicio do romance', explicou Victoria Pérez, quen avanzou que se trata dunha obra de teatro 'para toda a familia, en particular, a partir de catro anos'.

As entradas para os dous espectáculos xa están á venda nas canles habituais, e poden adquirirse, por 6 euros --2 euros no caso das entradas para menores de tres anos--, no despacho central de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902.044.226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas) ou no propio Fórum Metropolitano o mesmo día da representación desde unha hora antes, sempre e cando queden entradas dispoñibles. Ademais, tal e como é habitual noutros ciclos de artes escénicas para todas as idades, Todo Público ofrece a posibilidade de adquirir o Abono 3, tres entradas para a mesma función, por 15 euros.