Results

Ayuntamiento de A Coruña

01/02/2018 | News release | Distributed by Public on 01/02/2018 05:47

O Punto Limpo Móbil achegarase a nove barrios da cidade durante o mes de xaneiro

A Concellería de Medio Ambiente informa que o servizo do Punto Limpo Móbil visitará neste mes de xaneiro nove localizacións distintas da cidade. En concreto, desde hoxe e até o día 4 situarase en Lonzas, no parque infantil da Avenida de Cádiz, mentres que o día 5 estacionará en Mesoiro, na Illa Sisargas. De cara a semana seguinte, dos días 9 ao 11 o servizo estará no Castrillón, na praza Pablo Iglesias, e os días 12 e 13 de xaneiro achegarase á Gaiteira. De seguido, entre os días 16 e 18, o Punto Limpo situarase na rúa Capitán Juan Varela, ao carón da Audiencia Provincial, mentres que os días 18 e 20 a veciñanza dos Castros poderá depositar os seus residuos na avenida da Pasaxe, entre os números 25 e 33. Xa na seguinte semana, do día 23 ao día 25 atoparase en Monelos, fronte aos Novos Ministerios; e os días 26 e 27 na rúa Regata Cutty Sark de Adormideras. Finalmente, o servizo de reciclaxe da área de Medio Ambiente estará dispoñible en Monte Alto, no Campo de Marte, os días 30 e 31.

En horario de 09.00 horas a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas de vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para poder axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.