Results

Universidade de Santiago de Compostela

03/17/2017 | News release | Distributed by Public on 03/17/2017 03:37

Dirección de proxectos, roles e perspectivas, a debate nun foro de Aeipro na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC

[Attachment]
Cartaz da xornada

A Asociación Española de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (Aeipro) organiza en colaboración coa área de Proxectos de Enxeñaría da USC unha xornada técnica sobre dirección de proxectos, roles e perspectivas, un foro de inscrición gratuíta que se desenvolverá o vindeiro 31 de marzo en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.

Esta xornada está dirixida a todos os profesionais da área de Project Management, enxeñeiros, empresas e autónomos que xestionan a organización e o desenvolvemento de proxectos, así como a futuros profesionais interesados na dirección de proxectos. O programa deste foro, sobre o que se pode atopar máis información na web, comezará cun acto de benvida a cargo do vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, no que tamén intervirá o profesor da USC e coordinador do Máster Oficial en Dirección de Proxectos da USC, Carlos Amiama Ares.

A directora de proxectos da empresa Norvento Enerxía, Liliana Grande, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención sobre a importancia da xestión de riscos nos proxectos de enerxías renovables. Os proxectos na administración portuaria centrará a temática do relatorio que ofrecerá de seguido José Enrique Escolar, xefe da área de planificación e infraestruturas do Porto de Vigo.

O capitán de navío e xefe de Enxeñaría e Construcións do Arsenal de Ferrol, Gabriel Braña abordará neste foro as principais características dos sistemas de adquisición de armamento en EE.UU. e Reino Unido, mentres que o delegado de Eptisa para Galicia e Asturias, Vicente Alcón Vidal, falará sobre a xestión de grandes proxectos de infraestruturas. As xornadas rematarán cunha intervención do presidente de Aeipro, Salvador Capuz, sobre novos estándares para a dirección de proxectos e programas.