Universidade de Santiago de Compostela

02/17/2017 | News release | Distributed by Public on 02/17/2017 06:35

Pequenos talentos matemáticos despídense este sábado do programa ESTALMAT-Pi

[Attachment]
Orla da oitava promoción de Estalmat-Pi

As oito nenas e 16 nenos que, procedentes de toda Galicia, participaron este ano en ESTALMAT PI, un programa anual dirixido a quen rematou os dous primeiros cursos da iniciativa de estímulo do talento matemático ESTALMAT -Galicia, celebran este sábado 18 o seu acto de despedida na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.

Seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas, os e as integrantes da promoción de Estalmat PI asistiron durante doce sesións ás actividades adaptadas ao desenvolvemento do seu talento logo de xa ter participado nos dous cursos do programa Estalmat. Os encontros tiveron lugar nas mañás dos sábados na Facultade de Matemáticas e eran titorizados por un equipo de máis de 45 docentes de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido.

O adeus da promoción de 2014 de ESTALMAT PI, que serve ademais como clausura do curso 2016-17, estará presidido polo reitor e presidente de Estalmat-Galicia, Juan Viaño, que ás 10.30 horas pronunciará xunto coa coordinadora xeral de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón, a conferencia 'As matemáticas como profesión hoxe'. Entre outras cousas, no relatorio achegarán breves biografías de mulleres referentes nas matemáticas, aproveitando que o 11 de febreiro se celebraba o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

Xa sobre as 12.00 horas terá lugar o acto de despedida dos 24 participantes, que estarán acompañados das súas familias, e no que ademais do reitor e de Vázquez Cendón participarán a coordinadora académica e secretaria de Estalmat-Galicia, Marina Germiñás Miguens; Enrique de la Torre Fernández en representación de AGAPEMA; e a presidenta de SGAPEIO, Esther López Vizcaíno. Estas dúas entidades, colaboradoras do proxecto, entregarán como agasallos aos estudantes libros publicados por ditas asociacións galegas.

Décimo aniversario
ESTALMAT-Galicia realizará este ano unha serie de encontros con todo o equipo docente, técnico e egresados e egresadas con motivo das xa súas dez edicións. O proxecto está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e o CSIC e conta con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT).