Ayuntamiento de A Coruña

12/31/2017 | News release | Distributed by Public on 12/31/2017 07:41

A Concellería de Medio Ambiente chama aos e as propietarias de cans de raza Bull Terrier a solicitar a licenza e cumprir coas medidas que require a nova Lei de Benestar Animal

A Concellería de Medio Ambiente lembra ás persoas propietarias de cans da raza Bull Terrier das súas obrigas, derivadas da nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia (a Lei 4/2017), que entra en vigor o vindeiro 11 de xaneiro e que pasa a considerar a estes animais como unha raza 'potencialmente perigosa'. Deste xeito, de cara a regularizar a súa situación, os e as donas destes animais deberán solicitar, nun prazo dun mes desde a entrada en vigor da normativa, a licenza para a tenza de animais potencialmente perigosos. Do mesmo modo, estes pasarán a ter que ir atados con correa non extensible de menos de dous mentros de lonxitude e boceira axeitada.

Desde a Concellería avanzan ademais que a Patrulla Verde vixiará o cumprimento destas normas -se ben non haberá sancións durante ese primeiro mes no que os e as propietarias teñen marxe para solicitar a nova documentación-, e recordan que o non cumprimento das medidas de seguridade supón unha infracción que conleva sancións económicas.

A información sobre estas licenzas e os seus requisitos está xa dispoñible na web municipal.