Ayuntamiento de A Coruña

02/17/2019 | News release | Distributed by Public on 02/17/2019 11:31

O Teatro Colón programa o ciclo ‘Estación de Jazz de A Coruña 2019’, con catro concertos que poñen en valor a escena musical galega

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento estrea no Teatro Colón unha nova liña de programación co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a artistas que representan a escena galega do jazz. Estación de Jazz de A Coruña 2019, que así se denomina o ciclo, contará con catro concertos, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e maio, e nel participarán algunhas das propostas máis destacadas deste estilo musical no país.

O concerto de apertura chegará da man de Naíma Acuña Project, no que a prestixiosa batería coruñesa presentará as súas novas composicións da man do músico e director Simon Moullier, quen actualmente forma parte das bandas de Herbie Hancock e Terry Line Carrington. A seguinte cita terá lugar o 21 de marzo, coa presentación do disco 16/04 de Pablo Sanmamed Trío, o grupo conformado por Pablo Pérez Sanmamed, Iago Mourinho e Bruno Couceiro.

Xa no mes de abriil, no xoves da Semana Santa, o cuarteto de Pablo Castaño --con saxo, piano, batería e contrabaixo--, acompañado da cantante Ugia Pedreira, presentará o disco A-la-láa, no que explora as melodías e os modos do alalá, xénero fundamental da música patrimonial galega. Finalmente, o xoves 23 de maio, Sumrrá presentará o seu novo disco, 6 mulleres, no que a banda rende homenaxe a Frida Kahlo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Qiu Jin, Malala Yousafsai e Nawal Él-Saadawi. O trío estará acompañado polas videocreacións de Laura Iturralde.

As entradas para os concertos do ciclo Estación de Jazz de A Coruña 2019 xa están a venda no despacho de billetes do Teatro Colón así como nas canles de venda habituais. Para máis información, pódese visitar o web www.teatrocolon.es.