Ayuntamiento de Ourense

12/03/2018 | News release | Distributed by Public on 12/03/2018 07:24

O OUFF Escola premia a creatividade da mocidade galega

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acudiu esta mañá á gala de entrega de premios da novena edición do certame OUFF Escola, no que este ano participaron 102 traballos de toda Galicia (A Coruña, 36, Pontevedra, 37, Lugo, 11, e Ourense, 18).
O OUFF Escola é un evento organizado polo Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao abeiro do Festival de Cine de Ourense, e ten como obxectivo impulsar o uso do galego, coñecer a visión da infancia e da xuventude sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.
O Ouff escola 'quere que dentro duns anos esteades aquí, nesta sala principal do Auditorio, presentando as vosas películas', díxolle o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ao alumnado presente na gala. 'Ben como directoras, ben como iluminadoras, ben como axudantes de dirección ou como responsables de vestiario, ben como actores ou actrices... O Ouff escola quere ser a semente dos futuros cineastas', aseguraba o rexedor.
Na gala, conducida pola actriz ourensá Uxía Morán, déronse a coñecer os premiados nas dúas categorías (Infantil e Primaria, e Demais niveis de ensino non universitario), coa proxección dos traballos gañadores.

Palmarés
Categoría Infantil ou primaria.
• 1º premio: Colexio Sagrado Corazón de Praceres, por Mareas Vivas.
• 2º premio: CEIP Nosa Señora das Dores, por O conto da muiñeira.
• Premio ao mellor guión: CEIP Tenorio, por Na Corredoira
• Mencións especiais: CEE Infanta Elena e CEIP OS Ponzos.
Demais niveis de Ensino non universitario
• 1º premio: IES Alfoz Valadouro, por O preguiceiro.
• 2º premio: IES As Barxas, por Chico ou cabalo.
• Premio ao mellor guión: IES Breamo, por Entre o río e o mar.
• Mencións especiais: IES As Barxas, por Todos ou ningún, IES Poeta Díaz Castro e o IES Xesús Taboada Chivite.
O xurado do OUFF escola estivo composto, este ano, por César Silva, director de programación do 23OUFF e presidente do xurado; Rubén Riós, actor e produtor de cine e de televisión; Simone Saibene, director e produtor; Manoli Maseda, coordinadora territorial dos equipos de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia en Ourense; e Gregorio Ferreiro Fente, asesor técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Dentro das actividades paralelas do OUFF Escola está a proxección da película A cambio de nada, de Daniel Guzmán, o martes, 4 de decembro no Teatro Principal ás 11:00 horas; unha actividade de 'Lipdub' a cargo dos profesionais de 'Nenoos' de Ourense, tamén o día 4 no Centro Cultural Marcos Valcárcel; tres talleres de dobraxe para alumnos de Secundaria; e o obradoiro de creación de cine 'Cineduca'.