Universidade de Santiago de Compostela

03/17/2017 | News release | Distributed by Public on 03/17/2017 06:52

A APLTA do Campus Terra organiza unha xornada sobre eficiencia operativa nas industrias de alimentos e bebidas

[Attachment]
Cartaz da xornada

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC acollerá o 4 de abril unha xornada técnica sobre ferramentas orientadas para mellorar a eficiencia operativa nas industrias de alimentos e bebidas. Este foro, promovido en colaboración coa división Food Care da corporación Sealed Air, está aberto á participación de persoas e profesionais interesados, aínda que que o aforo está limitado a un máximo de 50 participantes.

O director da APLTA, Enrique Arbones, será o encargado de dar a benvida a todas a persoas inscritas nesta sesión de traballo, que se de desenvolverá en quenda de mañá, de 9.30 a 14.00 horas, e no marco da que se realizarán diversos seminarios e obradoiros. O custe da inscrición é de 30 euros e as persoas interesadas deben remitir cuberto o formulario de matrícula, que está accesible na web xunto co programa deste foro, ao enderezo electrónico [email protected], a través do que se pode solicitar máis información.

Os profesionais que guiarán as distintas sesións previstas no marco desta xornada abordarán cuestións ligadas aos servizos orientados a crear valor mediante a eficiencia operativa e seguridade alimentaria, tecnoloxía aplicada ás unidades CIP para a redución de consumo de auga, enerxía e tempo, avaliación do gasto de auga e solución técnicas para a súa diminución, inspección hixiénica para a prevención e recuperación de auga e de sosa cáustica a partir da limpeza.