Ayuntamiento de A Coruña

10/04/2017 | News release | Distributed by Public on 10/04/2017 10:51

A Xunta de Goberno Local dálle luz verde a unha Oferta Pública de Emprego con 62 prazas

A Xunta de goberno local dará luz verde este venres, en sesión ordinaria, á Oferta Público de Emprego (OPE) do Concello da Coruña para o ano 2017, que está composta por 62 prazas na administración local, 29 afectadas pola taxa de reposición e 33 de promoción interna. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, insistiu hoxe en que esta oferta 'amosa a firme vontade do executivo municipal de favorecer a creación de emprego público, seguindo uns principios de igualdade, mérito e capacidade, a pesar das fortes limitacións ás que o goberno do Estado somete ás administracións locais'. 'Nesta OPE, 29 prazas están reservadas só para cubrir postos do persoal que xa non presta servizo ao Concello', dixo a edil, que lamentou, unha vez máis, 'que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado posta en marcha polo señor Montoro sexa tan restritiva coas entidades locais, as máis próximas á cidadanía'. 'Non entendemos como a Xunta de Galicia non está a reclamar ao executivo central do señor Rajoy que modifique as normas vixentes, de xeito que a prestación de servizos á cidadanía dende os concellos e, sobre todo, dende os concellos que fan os seus deberes, estea garantida'.

Por outro lado, a concelleira quixo destacar as 33 prazas de promoción interna contempladas na OPE de 2017. 'A súa inclusión na oferta de emprego público municipal entronca directamente coa aprobación, por parte do goberno local, este verán, da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), que apostaba fundamentalmente por favorecer a promoción interna dos e das traballadoras públicas, sempre baixo principios de transparencia e de igualdade, mérito e capacidade'.

As prazas ofertadas, que serán publicitadas nos próximos días, unha vez sexan aprobadas pola Xunta de Goberno Local e feitas públicas nos boletíns e diarios oficiais correspondentes, cumpren non só coa taxa de reposición marcada polas leis orzamentarias estatais, senón tamén coas porcentaxes de prazas reservadas a persoas con diversidade, neste caso unha. 'Esta oferta pública de emprego é a que legalmente podemos levar a cabo tendo en conta as limitacións que introduciu Montoro. Encantaríanos que puidesen ser máis prazas, pero a lei non nos permite medrar; aínda así estamos a facer todo o posible, dentro das nosas competencias, por favorecer a creación de emprego, e dun emprego de calidade, a través de medidas como as cláusulas sociais que incluímos na contratación pública', engadiu a edil.