Results

Ayuntamiento de A Coruña

11/29/2017 | News release | Distributed by Public on 11/29/2017 12:34

A Concellería de Xustiza Social amplía este Nadal o programa ‘Campacoles’, que oferta 450 prazas en dez centros públicos de educación infantil e primaria da cidade

A Concellería de Xustiza Social e Coidados impulsa este Nadal, por segundo ano, o programa de campamentos escolares 'Campacoles', que organiza a Federación Provincial de ANPA en colaboración co Concello e que se desenvolverá en dez centros de educación infantil e primaria da cidade, o dobre que o ano pasado, entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro. A actividade, dirixida a escolares de educación infantil e primaria matriculados nos centros públicos da cidade, oferta nesta segunda edición un total de 450 prazas, a cubrir no CEIP Anxo da Garda, o Curros Enríquez, o Emilia Pardo Bazán, o Juan Fernández Latorre, o Manuel Murguía, o CEIP Aneja de Prácticas, o Ramón de la Sagra, o de San Pedro de Visma, o da Sagrada Familia e o Sanjurjo de Carricarte.

Tal e como expón a concelleira Silvia Cameán, que ten as competencias municipais en materia de Educación, o programa púxose en marcha o pasado ano como unha forma de favorecer a conciliación laboral e persoal e dar continuidade aos centros educativos da cidade en períodos non lectivos mediante proxectos de ocio educativo. Neste caso, a actividade titúlase 'O mellor agasallo' e se desenvolverá da man dos personaxes do conto 'Un agasallo diferente'. A inscrición comezará os días 4 e 5 de decembro nos centros participantes só para alumnado matriculado no propio centro, e os días 11, 12 e 13 de decembro, a inscrición abrirase a calquera menor matriculado nun centro público do concello. Poderá realizarse entre as 09.00 e as 09.30 horas e de 16.00 a 16.30 horas no local da ANPA. O horario dos campamentos, que se celebrarán os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2,3,4 e 5 de xaneiro, será de 10.00 a 14.00 horas, con posibilidade de servizo de madrugadores, a partires das 08.00 horas, e de comedor, entre as 14.00 e as 15.30 horas.

Toda a información está dispoñible na web da Federación Provincial de ANPA, www.fedapascoruna.org, e pode consultarse tamén nos teléfonos 981 202 002 e 981 201 877.