Results

Universidade de Santiago de Compostela

04/11/2017 | News release | Distributed by Public on 04/11/2017 05:30

A USC súmase á candidatura do concello de Santiago para a convocatoria de proxectos Urban Innovative Actions

A USC participa no proxecto PLECOCITYS, PLAN(ET) ECOCITY SANTIAGO, co que o Concello de Santiago se presenta á segunda convocatoria europea Urban Innovative Actions, dentro da temática Economía Circular. O proxecto busca iniciar unha transición cara os principios da economía circular ' enfrontando un dos maiores desafíos das cidades contemporáneas, a xestión de residuos, achegando propostas de solución innovadoras nos seus principais puntos febles: a gran porcentaxe de residuos orgánicos desaproveitados, a reutilización de produtos electrónicos e a busca dunha participación activa da cidadanía'.

Con esta iniciativa o Concello compostelá pretende primar un uso máis eficiente dos recursos, a ampliación da vida útil dos obxectos producidos e o tránsito cara unha economía de usuarios e non de consumidores. No desenvolvemento do proxectos, a USC achega a experiencia dun total de catro grupos de investigación: o de Agronomía da Escola Politécnica Superior de Lugo; de Produción, calidade e tecnoloxía do leite e outros alimentos do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria; de Economía ecolóxica e dos recursos naturais (Bioeconomía); e o de Pedagoxía Social e Educación Ambiental do departamento de Pedagoxía e Didáctica (SEPA).

A participación nesta candidatura quedou formalizada este martes coa sinatura dunha carta de compromiso subscrita polo alcalde Martiño Noriega e a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes.