Ayuntamiento de A Coruña

10/03/2017 | News release | Distributed by Public on 10/03/2017 10:36

O Concello concede a totalidade das solicitudes de subvención da convocatoria 'Barrios en Movemento!', 'para favorecer a dinamización da cidade a través das asociacións veciñais'

A Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de publicar a resolución provisional da segunda convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións veciñais da Coruña, Barrios en Movemento!. En total, a área destinará 40.000 euros en dúas liñas de axudas diferenciadas para que as entidades poidan desenvolver actividades así como o seu propio funcionamento durante o presente exercicio. Tal e como sinala a edil Claudia Delso, concedéronse a totalidade das solicitudes de subvención, que ascenderon a 25. 'Este goberno ten un firme compromiso coa dinamización dos barrios a través do seu tecido veciñal, polo que valoramos moi positivamente que, de novo, esta convocatoria tivera unha boa resposta por parte das asociacións', explicou a concelleira, quen lembrou que, por vez primeira, e co obxectivo de facilitar a presentación das solicitudes, o goberno local ofreceu a posibilidade de realizar os trámites administrativos a través da páxina web municipal, 'un método que empregaron cinco das entidades veciñais'. 'É importante habilitar novas canles que contribúan a que a veciñanza poida ter diversas opcións á hora de facer os seus trámites. Abrir a opción telemática, ademais da presencial, facilita que a as entidades teñan vías para comunicarse e atoparse, dun xeito máis próximo, coa súa administración', expuxo Delso. Neste sentido, a edil tamén destacou 'a simplificación, para as entidades, do proceso de tramitación', posto que o Concello requiriu ás asociacións, para a presentación das solicitudes, 'só a documentación necesaria sobre as mesmas que non estaba presente ou actualizada no REMAC, de modo que facilitou o proceso de presentación de solicitudes, que rematou o pasado 7 de agosto'.

As axudas de Barrios en Movemento! convocáronse en réxime de concorrencia competitiva para entidades con sede no termo municipal e que figuran inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña, REMAC. A primeira das liñas, cuxo importe global para este 2017 é de 30.000 euros, tiña como obxectivo subvencionar programas, proxectos e actividades desenvolvidas polas entidades veciñais, mentres que a segunda, de 10.000 euros, estaba dirixida a apoiar economicamente o funcionamento das entidades que non dispoñen dun local municipal en réxime de cesión gratuíta.

No caso da primeira convocatoria, a liña de axudas servirá para financiar programas, proxectos ou actividades culturais, formativas e educativas de interese social e que favorezan a participación activa da cidadanía na vida da cidade, así como programas e metodoloxías de participación cidadá que faciliten a apertura de procesos participativos nos que poidan tomar parte veciños e veciñas dun barrio concreto, ou de toda a cidade. As entidades beneficiarias, segundo a resolución provisional, son: Asociación Veciñal Cidade Vella-María Pita, Asociación Veciñal 'Francisco Rodríguez Otero', Asociación Veciñal Ventorrillo, Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra, Asociación Veciñal de Pedralonga, Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Asociación Veciñal para o Desenvolvemento Económico e Social Elviña II, Asociación Veciñal Xunqueiras de Mesoiro e Vío, Asociación Veciñal de Novo Mesoiro, Asociación Veciñal 'Os Nosos Lares' Palavea, Asociación Veciñal 'A Barcarola' Catro Camiños, Asociación Veciñal Castrillón-Urbanización Soto 'IAR', Asociación Veciñal Peruleiro Mariñeiros, Asociación Cultural Deportiva e Veciñal dos Rosais, Asociación Veciñal Monelos Fonte das Pajaritas, Asociación Veciñal San Diego-Os Castros, Asociación Veciñal Loureiro de Visma, Asociación Veciñal Enseada do Orzán, e a Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa do barrio da Agra do Orzán.

Pola súa banda, as axudas da segunda convocatoria, as só poden acceder as asociacións veciñais que carezan de local municipal en réxime de cesión gratuíta, deberán destinarse a gastos xerais de funcionamento, aínda que estas mesmas entidades tamén poden ser beneficiarias da primeira liña de subvencións. 'Con esta liña, da que poderán beneficiarse as entidades que deben soportar gastos de aluguer e mantemento do seu local, preténdese lograr un maior equilibrio e unha distribución mais igualitaria das axudas económicas e os recursos municipais postos a disposición do tecido asociativo veciñal', expresou a concelleira. Neste caso, Participación decidiu conceder subvencións, por un importe total de 10.000 euros, a Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Asociación Veciñal Castrillón-Urbanización Soto 'IAR', Asociación Veciñal de Bens, Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra, Asociación Veciñal Enseada do Orzán e a Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa do barrio da Agra do Orzán.

Unha vez publicadas as resolucións das liñas de axudas Barrios en Movemento!, ábrese un prazo de dez días para a presentación de alegacións.