Ayuntamiento de A Coruña

10/06/2017 | News release | Distributed by Public on 10/06/2017 07:17

O Concello establecerá un dispositivo especial de tráfico este domingo no Paseo Marítimo pola carreira Coruña10

A XI Carreira Popular Coruña10 celebrarase este domingo, 8 de outubro, na enseada do Orzán. Na decana das carreiras populares promovidas polo Concello participarán máis de 4.400 persoas de todas as idades. Destas, 3.289 serán atletas da categoría absoluta, que tomarán a saída ás 10.00 horas, e percorrerán o Paseo Marítimo, desde o Millennium ata a Torre de Hércules ata alcanzar a meta, que de novo estará situada fronte ao Pazo dos Deportes de Riazor. Co gallo da realización desta proba, a Concellería de Mobilidade Sostible despregará un dispositivo especial de tráfico este domingo, desde as 06.30 horas da mañá, que velará pola seguridade das e dos deportistas, e permitirá que a cidadanía poida empregar tanto o transporte público urbano como os seus vehículos nos seus desprazamentos.

Os primeiros cortes produciranse ás 06.30 desde o Playa Club (no sentido avenida da Habana) até a parte superior da praza de Portugal. A continuación, desde as 08.30 horas, producirase o corte da avenida de Bos Aires, desde Calvo Sotelo e até a glorieta das Esclavas. A partir das 09.30 horas non estará permitida a circulación na avenida Manuel Murguía, desde Almirante Lángara até s glorieta das Esclavas, nin no Paseo de Ronda --desde Esclavas até a rúa Almirante Eulate--. O corte total nestas rúas --avenida da Habana, Paseo de Ronda e Manuel Murguía-- producirase ás 09.45 horas e, a partir destes momento, estenderase aos dous sentidos de circulación entre a glorieta de Gerardo Porto --Millenium-- e da Torre. Unha vez pasen as e os atletas pola saída, contra as 10.30 horas, abrirase o tráfico na avenida da Habana e Paseo de Ronda, e no conxunto do circuíto restablecerase a circulación ao paso de todas e todos os deportistas, contra ás 12.00 horas aproximadamente.

En canto ao estacionamento, non se poderá desaparcar en todas as zonas destinadas a tal fin no Paseo Marítimo, así como no Acuario, Manuel Murguía, avenida da Habana e Paseo de Ronda, no tramo das Esclavas --medida que afectará á parada de taxis, que se suprimirá entre as 09.30 e as 11.30 horas--. No caso do Pazo dos Deportes, non estará permitido o estacionamento na antepraza desde as 08.00 horas do sábado 7.

Modificación das liñas de autobús

As liñas 3, 3A, 4, 6, 6A, 7 e 11 verán afectado o seu itinerario pola celebración da proba. Así, desde as 07.30 horas, as liñas 3, 3A e 7, no lugar de circular por Manuel Murguía e avenida de Bos Aires, farano pola avenida da Habana, praza de Portugal, Alfredo Vicenti e praza de Pontevedra.

No momento do corte total ao tráfico no Paseo Marítimo, a partir das 09.45 horas, e ata que se abra de novo ao tráfico o circuíto, as liñas 3A, 4, 6, 6A, 7 e 11 pasarán a transitar por San Andrés, Sol, Hospital, Campo da Leña e Orillamar. Neste punto, as liñas 3 e 3A continuarán cara a Durmideras, as liñas 4, 6, e 6A continuarán polo seu itinerario habitual cara a avenida de Hércules e a liña 11 circulará pola avenida de Navarra e rolda de Monte Alto para incorporarse ao seu itinerario habitual na glorieta de Alcalde Sanjurjo de Carricarte coa avenida de Hércules. Pola súa banda a liña 3, no sentido de circulación de Durmideiras cara a praza de Pontevedra, ao non poder transitar polo Paseo Marítimo regresará pola avenida de Navarra, rúa Torre, Campo da Leña, Panadeiras e San Andrés.

A previsión de apertura das 12.00 horas do tráfico entre a avenida de Bos Aires --glorieta das Catalinas-- e a Torre de Hércules, permitirá que as liñas que circulan polo tramo recuperen o seu itinerario habitual, se ben o comprendido entre Casa da Auga e praza de Portugal permanecerá pechado ata despois das 14.00 horas, unha vez finalicen as probas e entregas de premios.