Ayuntamiento de Ourense

07/02/2018 | News release | Distributed by Public on 07/02/2018 11:49

Máis de 10.000 ourensáns apoian a 'cidade 30', máis autonomía para os peóns e o cumprimento estrito da normativa de tráfico

Ourense, 02 de xullo de 2018.

A Comisión técnica do Móvete por Ourense, proceso de participación na procura da mellora da calidade ambiental e da mobilidade, deu conta esta mañá das ideas forza recompiladas nas consultas á cidadanía. As máis de 10.000 persoas que participaron nos diferentes grupos motores, obradoiros de diagnose da situación do tráfico na cidade, accesibilidade, emprego da bicicleta, ou directamente a través das entrevistas coas asociacións de veciños e de enquisas directas nos centros escolares, salientaron a necesidade de 'vontade e valentía' para deseñar un modelo de cidade a longo prazo, no que o peón sexa o eixo vertebral, o cumprimento rigoroso da ordenanza de tráfico e a posta en funcionamento da 'cidade 30'.

Esta comisión, encabezada polo concelleiro de Infraestruturas, José Araújo, e integrada polos grupos políticos municipais (salvo DO, que non asistiu) e técnicos de diferentes áreas e servizos do Concello de Ourense, reunirase novamente antes de que remate o presente mes para coñecer as conclusións definitivas, elaboradas pola consultora externa de urbanismo e de arquitectura Urbamás, co gallo de comprometerse a unha folla de ruta que inclúa accións concretas no tempo para comezar a transformación de Ourense nunha cidade máis amable co peón.

Estas propostas son o resultado dunha participación que ronda o 10% da cidadanía de Ourense, e que foron votadas (do 1 a 5, de menos a máis importancia) polos integrantes dos diferentes grupos motores. Así, a máis valorada foi a necesidade de 'vontade e valentía2 para cambiar o modelo de cidade a longo prazo. Seguíronlle, por esta orde, crear un modelo de cidade para o peón, o cumprimento rigoroso da ordenanza de tráfico -para que ninguén se sinta impune de saltarse as normas que rexen para a totalidade-, e a implementación da 'cidade 30', un modelo que busca aminorar a velocidade media do tráfico a 30 km/h en todo o núcleo urbano ao tempo que lle dá máis fluidez (reducindo semáforos, aumentando as medidas disuasorias, etc.).

Tamén foron valoradas outras propostas coma a de ampliar zonas peonís de uso restrinxido, a instrución do reparto do espazo público por usos mínimos (para beirarrúas, veladores ou mobiliario urbano), así coma o aparcamento regulado no horario de entrada e saída dos centros educativos.

A metodoloxía empregada para a extracción destas ideas foi a de agrupalas en torno a tres grandes grupos temáticos: a seguridade, a accesibilidade, e a eficiencia e calidade ambiental.