Ayuntamiento de Ourense

02/18/2019 | News release | Distributed by Public on 02/18/2019 07:06

Ourense será a primeira cidade con baños públicos adaptados para persoas ostomizadas

O Concello avanza no seu compromiso para que Ourense sexa a primeira cidade de España con baños públicos adaptados a persoas ostomizadas. Así llelo trasladou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, aos representantes da Asociación de enfermos e enfermas de Crohn e Colitis Ulcerosa (ACCU) aos que informou da colocación de cabinas adaptadas nas instalacións do Auditorio Municipal e do Pavillón dos Remedios nunha reunión que tamén contou coa presenza da concelleira de Cultura, Belén Iglesias e do concelleiro de Deportes, Mario Guede.

'Serán unhas instalacións que darán resposta ás demandas que nos transmitiu o colectivo de persoas ostomizadas, de forma que poidan empregar os aseos dos edificios públicos en condicións de igualdade, seguridade e comodidade, e que lles permitirán aumentar a súa autonomía persoal e independencia', explica Jesús Vázquez.

Con este proxecto, o rexedor destaca que 'queremos que as persoas con ostomías e bolsas intestinais poidan facer a súa vida cotiá sen ter que preocuparse ou verse condicionados no seu día a día, do mesmo xeito que o resto dos ourensáns'.

A instalación deste tipo de sanitarios comezará no Pavillón dos Remedios e no Auditorio municipal, onde está prevista a instalación de cabinas adaptadas tanto no baño para homes coma no de mulleres.

'Será o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso, no que apostamos por estender este servizo a toda a cidade; tamén crearemos sanitarios adaptados nos edificios de titularidade municipal', incidiu o rexedor.

Para moitas persoas que portan unha bolsa intestinal o feito de ir ao baño convértese en todo un reto cando saen dos seus fogares, e provoca que moitos reduzan a súa vida social ante a dificultade de limpar as súas bolsas intestinais. Cando as persoas ostomizadas deben baleirar a súa bolsa atópanse con que os equipamentos dos baños adaptados para persoas con discapacidade carecen dos mecanismos necesarios para asegurar un baleirado seguro e hixiénico.

Os baños que instalará o Concello de Ourense responden ás necesidades transmitidas polo colectivo, a través de ACCU. Son unhas instalacións desenvolvidas por unha empresa ourensá, que foi a encargada do deseño e construción do equipamento.

Terán unha altura de 75 centímetros para facilitar o baleirado das bolsas, pero tamén contarán cunha bancada para facilitar o seu uso á cativada que precise deste servizo. Ademais, as instalacións estarán dotadas cunha billa de ducha extraíble para o lavado da bolsa cunha man mentres que se pode soster coa outra.

Desde a Asociación de Enfermos e Enfermas de Crohn e Colitis Ulcerosa (ACCU) sinalase que en Ourense existen máis de 800 persoas que precisan deste servizo, unha cifra que crece cada ano xa que inclúe tamén ás persoas ostomizadas procedentes doutras patoloxías.