Ayuntamiento de A Coruña

10/03/2017 | News release | Distributed by Public on 10/03/2017 07:31

O Concello inicia a instalación de máis de cen detectores de fume, conectados á centraliña de Bombeiros, en fogares de persoas maiores ou con necesidades especiais

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá os actos con motivo da celebración da XII Semana da Prevención, unha serie de actividades organizadas polo servizo de Bombeiros da Coruña, en colaboración coa Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Fundación Mapfre baseadas, fundamentalmente, en ofrecer a toda a poboación información teórica e práctica sobre como atallar situacións de risco e saber como actuar en caso de que estas ocorran. Este evento, no que A Coruña é cidade pioneira, realízase este ano en 34 concellos máis do Estado. Nun acto no que tamén estivo presente a concelleira Rocío Fraga, coas competencias de Seguridade Cidadá, ademais do coordinador desta área, Carlos García Touriñán, e representantes da Fundación Mapfre, o alcalde explicou que a partir de mañá, o servizo de Bombeiros da Coruña comezará a colocar en 110 fogares da cidade con persoas que presentan necesidades especiais aparellos de detección de fumes que están conectados coa centraliña de Bombeiros, de forma que no caso de que sexa necesaria a súa intervención, esta se realice de forma inmediata. Ademais destes detectores, repartiranse entre a veciñanza outros 300 máis no marco das actividades da Semana da Prevención que se desenvolve dende hoxe martes, 3 de outubro, até o vindeiro día 8.

O alcalde recordou que o proxecto para dotar a 110 familias da cidade de detectores conectados directamente con Bombeiros comezou hai un ano. 'Grazas ao noso orzamento destinado a actuacións de Seguridade Cidadá e á colaboración desinteresada da firma irlandesa E Electronics, puxemos en marcha este plan hai un ano. Este proxecto foi levado a cabo pola área de Seguridade Cidadá en colaboración coa de Xustiza Social, que axudou á selección dos máis de cen fogares que se verán beneficiados, fogares conformados por persoas maiores, persoas con diversidades, en situación de vulnerabilidade social ou con problemas de mobilidade ou dependencias', dixo o alcalde, quen indicou que a primeiro detector colocarase mañá mesmo 'no domicilio, por certo, dun bombeiro xubilado da Coruña'.

Ao fío, o primeiro edil coruñés quixo destacar o traballo que desempeña diariamente o servizo de Bombeiros da Coruña. 'Ao longo do ano desenvolven unha tarefa fundamental máis alá, por suposto, da de extinción de incendios, e é a baseada na prevención', salientou. De feito, durante o ano pasado, este servizo municipal levou a cabo 414 actividades distintas de prevención ao longo de 6.313 horas. 'As accións son moitas e variadas, e van dende cursos formativos para comunidades e empresas até simulacros e, por suposto, os reténs en eventos de diversa índole, por exemplo, os das Festas de María Pita', salientou. Tal e como destacou o rexedor, o servizo de Bombeiros realiza numerosas charlas de formación destinadas aos e ás máis cativas. Durante o pasado ano estas actuacións beneficiaron a máis de 4.000 alumnas e alumnos de 50 centros escolares. 'O noso desexo é que a veciñanza da Coruña estea máis formada á hora de poder abordar determinadas emerxencias. Convén recordar que durante o pasado ano, os Bombeiros da Coruña rescataron a 32 persoas', dixo.

Semana da Prevención

Por outro lado, o rexedor recordou as principais actividades que se desenvolverán no marco da Semana da Prevención, que este ano terá o seu epicentro na Praza de María Pita. O programa inclúe unha exposición permanente de vehículos antigos e actuais do servizo de bombeiros -que se poden visitar durante todas as xornadas da semana, en horario de 09.00 a 21.00 horas-, charlas informativas, atención permanente a consultas e actividades infantís, ademais de visitas en distintos centros escolares da cidade, nas que se dá conta das principais medidas de seguridade no ámbito escolar e se formará ao alumnado e profesorado en técnicas como o manexo de extintores, evacuación ou sinalización de emerxencia, entre outras materias. Durante todas as tardes haberá en María Pita actividades interactivas na 'Casa de Fumes', unha instalación onde se realizarán simulacros e accións prácticas pensadas para menores e persoas adultas, e charlas abertas a todos os públicos sobre incendios domésticos, manexo de extintores, reanimación cardio-pulmonar básica ou pautas a seguir en caso de accidente de tráfico. No mesmo emprazamento, o persoal do servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento atenderá ao público que se achegue para resolver dúbidas sobre prevención, normativa ou calquera outra cuestión relativa a seguridade en incendios.

As actividades iniciáronse este martes no centro cívico da Cidade Vella, cun curso teórico-práctico sobre plan de autoprotección dirixido a persoal municipal, e unha visita do persoal do servizo de bombeiros ao centro María Barbeito. Ao longo da semana haberá tamén visitas aos centros escolares Curros Enríquez, Nosa Señora do Rosario e María Pita, ao tempo que polas tardes, e durante todo o día durante a fin de semana, continuarán as accións divulgativas na praza de María Pita. Toda a información está dispoñible na web municipal de Seguridade Cidadá.