Results

Ayuntamiento de Ourense

07/01/2017 | News release | Distributed by Public on 07/02/2017 14:12

600 rapaces e rapazas de entre 4 e 12 anos comezan o luns as Actividades educativas de Verán do Concello

O luns, 3 de xullo, dáselle inicio ás Actividades de Verán ofertadas polo Concello de Ourense para nenos e nenas da cidade. As previsións da Concellería de Educación apuntan a que participarán máis de 600 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. As actividades levaranse a cabo durante os meses de xullo e agosto nos seguintes espazos lúdico - educativos da cidade: a Aula da Natureza de Oira, as Bibliotecas Municipais e en catro centros educativos: Os CEIP O Couto, Irmáns Villar, A Ponte e Mestre Vide.

A concelleira de Educación, Belén Iglesias, resalta que estas actividades veñen de acadar, unha vez máis, un gran éxito de inscrición: 'Superáronse con creces todas as expectativas no primeiro día, cubríndose daquela xa o 80% das prazas ofertadas', afirma

O obxectivo principal que persegue o Concello de Ourense coa realización de todas estas actividades é facilitar espazos e horarios que se adapten ás necesidades das familias da cidade que teñen nenos e nenas de 4 a 12 anos. A programación está conformada por actividades didácticas onde a metodoloxía fundamental é o xogo, destacando o seu carácter autotélico e as aprendizaxes construtivas. Ou, dito doutra maneira, 'aprender a aprender', en palabras de Iglesias Cortés.

As actividades organízanse sen esquecer nunca a educación en valores. Sirva como exemplo neste eido o contido das actividades da Aula da Natureza, onde se inculcan valores coma o do coidado e respecto á Natureza, o coidado do mobiliario urbano, acostumarse a comer san e de todo, etc. 'Respéctase en todo momento o desenvolvemento evolutivo do neno partindo do principio 'a diversidade para chegar á igualdade de oportunidades', é dicir: potenciando a inclusión educativa', conclúe Iglesias.

Trátase, polo tanto, de actividades 'prioritarias' para a Concellería de Educación, asegura a edil Belén Iglesias, 'xa que o noso principal obxectivo é o de prestar servizos que sexan realmente útiles á cidadanía sen cargar nas economías familiares'.

Xullo 2017: Actividades nos CEIPs da cidade

Dirixido a: Alumnado de Educación Primaria
Nº Prazas: 300
Horario: de 8.30h a 14.30h
Contido: Monitores e monitoras especializados realizan múltiples actividades de carácter lúdico e educativo (obradoiros, xogos, deportes, inglés, saídas didácticas...)

Xullo / Agosto 2017. Bibliotecas Municipais de A Ponte, A Carballeira, San Francisco e O Couto

Dirixido a: nenos e nenas de 4 a 10 anos
Nª Prazas : 200
Horario: De 10.30 a 13.00h
Contido: Actividades de Animación á Lectura

Xullo / Agosto 2017: Aula da Natureza de Oira

Dirixido a: Alumnado de Educación Primaria
Nº Prazas: 100.
De 10.00 a 13.00h e polas tardes de luns a xoves de 16.30h a 19.00
Actividades relacionadas coa Natureza, saúde e medio ambiente

Outras actividades de conciliación para cativos: Centros Cívicos

As da Concellería de Educación non son as únicas actividades de conciliación familiar postas en marcha polo Concello de Ourense. O pasado 23 de xuño remataba o prazo de inscrición para as Actividades de Verán deseñadas polas Concellerías de Asuntos Sociais, Igualdade e Xuventude e que se desenvolverán desde o luns nos Centros Cívicos da cidade.

As actividades irán encamiñadas a educar e concienciar os nenos e nenas no consumo responsable e na alimentación saudable: reciclaxe, etiquetaxe dos alimentos, publicidade e comercio xusto. Ademais haberá obradoiros de coeducación, educación non sexista e dos dereitos da Infancia.

Tamén se pretende que as actividades sexan unha forma de axudar as familias a conciliar a vida laboral e familiar neste período de vacacións que ampliará o horario das actividades: de 9:00 horas a 13:30 horas para as familias que o desexen nalgún dos centros de maior afluencia.

As actividades realizaranse nos centros cívicos de: Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo durante os meses de xullo e agosto de 2017. Serán de luns a venres e os horarios van de 9:00 a 13:30 horas dependendo do centro. Vanse dividir en quincenas do seguinte xeito: Do 3 ao 14 de xullo; do 17 ao 31 de xullo; do 1 ao 16 de agosto; e do 17 ao 31 de agosto.