Ayuntamiento de A Coruña

10/06/2018 | News release | Distributed by Public on 10/06/2018 11:03

Igualdade abre o prazo de inscrición da nova programación da Tarde Xove, 'que se recupera para favorecer a educación sexual e afectiva da mocidade da Coruña'

A Concellería de Igualdade e Diversidade abre o prazo de inscrición para participar nos obradoiros gratuítos do programa educativo Tarde Xove, unha iniciativa dirixida á mocidade e que ten como obxectivo favorecer a vivencia dunha sexualidade positiva e responsable. Tal e como explica a edil Rocío Fraga, o goberno local recupera esta programación, 'que retirou a Xunta hai anos', para traballar, en común coa xente moza, diferentes cuestións vinculadas á sexualidade, afectividade e anticoncepción, 'coa idea de poder ofrecer unha educación sexual e afectiva de calidade e o máis próxima posible a un colectivo que demanda habitualmente este tipo de espazos'. 'No momento da retirada da atención á xente moza no COF, o número de asistencias caeu do 25% ao 16%. Nos últimos tres anos estamos a recuperar e incrementando o número de consultas entre a poboación nova grazas ás actividades que estamos dirixindo a esta franxa de idade, pero queremos consolidar esta atención con Tarde Xove', asevera a concelleira.

Os obradoiros sobre saúde sexual e afectiva desenvolveranse durante todo o curso escolar a partires do 17 de outubro. As propostas están dirixidas a mozas e mozos a partires dos 14 anos e contan con dúas modalidades co obxectivo de ofrecer tanto unha formación xeral como outra máis específica sobre cuestións concretas. 'Para o Concello é moi importante poder ofrecer atención próxima e en espazos de seguridade ou confianza á poboación xuvenil, xa que é, especialmente, o colectivo que máis demanda este tipo de propostas. Estes obradoiros tradúcense en ferramentas que permiten que a mocidade poida escoller cunha importante base informativa, así como reflexionar sobre os modelos sexuais', apunta Fraga.

O obradoiro completo, de 6 horas de duración, impártese os mércores --de 17.00 a 20.00 horas--, en dúas sesións de 3 horas de duración, durante dúas semanas consecutivas. En total, nesta primeira quenda formativa, que se celebrará entre os meses de outubro e decembro, o COF dará a posibilidade de participar até en cinco edicións. Nesta acción formativa abórdanse cuestións como a diversidade sexual e identidades de xénero, o pracer e o desexo, a erótica e o percorrido sensorial, o recoñecemento e a expresión das emocións, ou relación entre sexo e sexualidade, ademais de ofertar a posibilidade de plantexar distintas dúbidas nun consultorio sexolóxico.

Por outra banda, a programación de Tarde Xove ofrecerá desde o 18 de outubro e até o 31 de xaneiro, a posibilidade de participar en seis obradoiros específicos --e que abordan seis perspectivas diferentes da educación sexual e afectiva--que se impartirán os xoves, de 17.00 a 20.00 horas, no propio centro de planeamento. Todos eles, que se ofertarán en dúas convocatorias diferentes, incluirán un apartado de consultorio, para plantexar dúbidas que poidan xurdir tanto ao longo da sesión como de interese para as e os asistentes.

O primeiro deles é Que lle pasa ao meu corpo?, que aborda a cuestión do coñecemento. Sexo e sexualidade, os cambios corporais, ou o pracer e o desexo serán algúns dos puntos que se tratarán nesta acción, que se ofertará o 18 de outubro e o 13 de decembro. A segunda sesión, A diversidade mola, céntrase na aceptación, na diversidade sexual e identidades de xénero, e abordará a relación entre a sexualidade e a erótica. Esta proposta terá lugar os días 25 de outubro e 20 de decembro.

A terceira das iniciativas, que se impartirá tanto o 8 de novembro coma o xoves 10 de xaneiro, será Erotízate! Desexo e emocións, na que se plantexará o recoñecemento e a expresión das emocións así como cuestións vinculadas ás primeiras relacións afectivas. De seguido, o 15 de novembro, será a oportunidade de abordar o coidado do corpo na acción Mellor previr e gozar, na se que darán a coñecer os diferentes métodos anticonceptivos e de protección fronte as infeccións de transmisión sexual, a saúde sexual e o autocoidado, así como cuestións vinculadas á menstruación, masturbación ou virxindade. Este curso repetirase o 17 de xaneiro.

O quinto obradoiro será Isto do sexting, que é?, centrada no uso de internet e das redes sociais, nos portais para atopar información segura sobre sexualidade ou as novas canles para establecer relacións, así como as emocións, desexos e sentimentos que se experimentan ao facer sexting. Nesta proposta poderase participar tanto o 22 de novembro coma o 24 de xaneiro. Finalmente, Primeiras veces de que? A túa caixa de sabores, para gustos... , afrontará as dúbidas que xorden arredor das primeiras relacións sexuais, así como as relacións de amor, sexo e desexo na parella. Esta proposta terá lugar os días 29 de novembro e 31 de xaneiro.

A inscrición nos distintos cursos para o último trimestre do ano e principios de xaneiro pódese realizar a través do formulario dispoñible na páxina web do Centro de Planeamento, ou de forma presencial no propio COF, cuxo teléfono é 981.184.205. Nas vindeiras semanas, o servizo municipal publicará novas datas de obradoiros, a medida que avance o curso escolar.

Aniversario do COF

A recuperación do programa de actividades Tarde Xove prodúcese no marco do 35º aniversario do COF, 'un servizo que realiza un traballo fundamental no eido da prevención e a saúde sexual ou reprodutiva da veciñanza', apunta Fraga. O Centro de Planeamento Familiar, situado na rúa Tui, está a desenvolver desde o pasado 24 de setembro unha programación especial, dirixida a todos os públicos, co obxectivo de visibilizar e dar a coñecer o seu labor. Entre as medidas postas en marcha, están a ter lugar distintos faladoiros ou obradoiros para público familiar nas bibliotecas da Coruña, de cara á atención ás diversidades ou o respecto pola propia integridade corporal como é o caso da actividade O meu corpo é meu, que se está a desenvolver esta mesma semana. A partires do 15 de outubro, e até o día 23, nas bibliotecas da Sagrada Familia, Monte Alto, O Castrillón, Os Rosales, Infantil e Xuvenil, Ágora e Fórum, así como no punto de servizo bibliotecario de Novo Mesoiro --en horario de mañá- ofrecerase o contacontos De onde veñen os bebés? (e outras preguntas), dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 8 anos.

A programación acompáñase tamén de distintos espectáculos de artes escénicas, que se ofertan aos centros educativos a través do Programa Coruña Educa e que contan con representacións abertas ao público no Fórum Metropolitano. É o caso de Pum Pum, de Baobab Teatro, que aborda a prevención do abuso sexual infantil --sábado 20 de outubro, ás 18.30 horas-- ou Rosa Caramelo, de Talía Teatro --sábado 15 de decembro, ás 18.30 horas--, un espectáculo que se centra na socialización e os roles de xénero desde a infancia.

Para máis información sobre a programación de actividades do 35ª aniversario do COF, pódese visitar o web http://www.coruna.gal/planificacionfamiliar/gl