Universidade de Santiago de Compostela

03/17/2017 | News release | Distributed by Public on 03/17/2017 08:23

A primavera comezará o luns ás 11.29 horas

[Attachment]
Detalle do cometa 41P/Tuttle-Giacobini-Kresak, que se agarda que acade unha magnitude de 5,5 a comezos de abril

O luns 20, ás 11.29 horas, comezará a primavera no hemisferio boreal. O cambio de estación coincide co paso do Sol polo punto Aries, un dos dous de corte da eclíptica co ecuador celeste. Ese día, o Sol sairá exactamente polo leste, producíndose o solpor xusto polo oeste, e teoricamente a duración das horas de luz coincidirán coa duración da noite.

A nova estación estenderase ata ás 6.24 horas do 21 de xuño, momento no que os días na nosa latitude combinarán 15 horas de luz e 9 de escuridade. Das catro estacións do ano, a primavera boreal é a segunda en duración (92,75 días), so superada polo verán (93,65 días), pero con 3 días mais que o outono e practicamente 4 mais que o inverno. Dado que este ano a primeira lúa chea da primavera terá lugar o 11 de abril, o domingo de Pascua será o 16 de abril, inmediato domingo logo daquela.

Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José A. Docobo Durántez, a comezos de abril poderase observar con prismáticos o cometa 41P/Tuttle-Giacobini-Kresak na constelación de Draco, e tamén o 22 do mesmo mes terá lugar a choiva de estrelas fugaces Líridas. O profesor Docobo tamén destaca que nos vindeiros meses 'haberán varias conxuncións interesantes' coma a da Lúa con Xúpiter (10 de abril), a Lúa con Saturno no amencer do 17 de abril e a Lúa con Venus no amencer do 22 de maio.

O planeta Mercurio 'estará nas mellores condicións de poder ser observado a simple vista' en torno ao 1 de abril logo do solpor, e cara ao 18 de maio antes da saída do Sol. Saturno será visible pola mañanciña e Xúpiter será o planeta que estará presente en todas as noites da primavera. Neste mesmo plano, Docobo sinala que haberá que agardar ao verán para poder ollar unha eclipse parcial de Sol en Galicia. Esta será no solpor do día 21 de agosto.

Meteoroloxía
Con respecto ao inverno, José Ángel Docobo aclara que 'non foi excesivamente chuvioso en Compostela', de feito a cantidade total de choiva recollida na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller foi de 443 litros/m2, lixeiramente por debaixo da media. A temperatura máxima rexistrouse o 10 de marzo con 25º7, seguidos dos 25º1 do día 15 e dos 24º7 do día 9, todos eles tamén de marzo. En febreiro destacaron os 22º8 do día 22. 'Facía cinco anos que neste mes non se pasaba dos 20º' aclara o investigador. Pola contra, en oito xornadas de xaneiro as temperaturas mínimas baixaron de 0, alcanzándose os -1.8º o día 25.