Ayuntamiento de A Coruña

09/08/2017 | News release | Distributed by Public on 09/08/2017 07:49

O Concello abre esta mañá a fase de votación final do proceso de Orzamentos Participativos, na que a veciñanza poderá elixir entre 141 propostas de investimento en proxectos[...]

O proceso de Orzamentos Participativos entran na súa fase decisoria, tal e como deu a coñecer esta mañá a edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso. A fase de votación, que se estende desde hoxe e até o 24 de setembro, permitirá á veciñanza decidir que propostas de investimento, ata chegar aos tres millóns de euros, se incorporan ao proxecto inicial do Orzamento Xeral municipal de 2018. Este é o segundo ano consecutivo que o goberno local leva a cabo este programa, o que supón, segundo explicou a edil, 'unha mostra do fondo compromiso goberno local coa participación directa da cidadanía das decisións do seu Concello'. 'Este ano comprometémonos con este mecanismo de democracia directa triplicando a cantidade que se destinará ao mesmo, con 1 millón de euros para propostas de cidade, e 2 millóns para os dez distritos, repartidos equitativamente', sinalou Delso, que salientou que para o executivo coruñés este é 'un proceso de carácter estrutural e transversal' que 'nace con vocación de ser irreversible'. 'Os Orzamentos Participativos, e a decisión directa da veciñanza sobre os investimentos municipais, chegaron para quedarse', expuxo.

Tal e como sinalou a edil, desde hoxe, e a través do portal www.aportaaberta.coruna.es, todas aquelas persoas maiores de 16 anos e empadroadas na Coruña poderán votar entre 141 propostas suxeridas e achegadas pola veciñanza. 'Non é preciso ter participado na fase de achega de propostas nin na fase de apoios para tomar parte nesta fase', recordou a responsable municipal. Poderán votar unha ou varias propostas para toda a cidade, ata 1 millón de euros, e unha ou varias propostas ata o importe total de 200.000€ nun distrito da súa elección. 'Tanto os votos emitidos como o distrito elixido poden cambiarse en calquera momento dentro do prazo de votación', salientou Delso.

Finalmente, aquelas que reciban máis votos --ata un millón de euros no caso de propostas de cidade, e, dentro de cada distrito, ata un máximo de 200.000 euros--, incorporaranse a proposta inicial de Presupostos do Concello. Das 628 propostas presentadas nesta edición dos orzamentos, e despois dunha primeira análise na que se excluíron as que non supuñan un investimento ou non eran competencia municipal, seleccionáronse --mediante os apoios da cidadanía-- 219 propostas, das que 59 resultaron de cidade e 160 de distrito, que os servizos técnicos municipais avaliaron, determinando finalmente a viabilidade de 141 propostas que agora entran en fase de votación. Durante este proceso, 29 propostas, das que inicialmente se indicaron como de distrito, superaron o límite dos 200.000 € , polo que foron incorporadas como propostas de cidade debido ao seu interese. Todos os informes técnicos e o custe de cada unha das propostas pódense consultar na plataforma www.aportaaberta.coruna.es.

Entre as propostas de cidade que chegaron á fase final, teñen un peso importante aquelas destinadas á mobilidade, como a mellora e iluminación dos pasos peonís, plantación de árbores, rede de carril bici e investimentos en infraestruturas. Noutros ámbitos atópanse propostas relacionadas co equipamento de centros de ensino, a dotación de espazos deportivos ou museos. Cun carácter máis de barrio, as propostas de distrito resultan moi variadas e recollen necesidades específicas de cada un deles.

Co obxectivo de facilitar a participación, 'que medra progresivamente', segundo indicou Claudia Delso, o Concello habilitará nesta fase dos Orzamentos Participativos dous novos puntos de información e participación respecto á pasada edición. A veciñanza poderá achegarse, en horario de 16:00 a 21:00 horas, tanto o sábado 16 ao Obelisco como o sábado 23 á Praza de Pontevedra, espazos onde se ofrecerá información detallada do proceso, e nos que se poderán consultar as propostas e participar a través de dispositivos móbiles. Estes puntos contarán ademais con áreas de xogo e descanso. Ademais, a partir do luns 11 o bus itinerante que durante a primeira fase do proceso deu a coñecer este proxecto, volverá a percorrer os barrios e prazas da cidade con persoal dinamizador a bordo facilitando a participación e informando do programa a quen queira achegarse.

Igual que nas fases anteriores do proceso, o Concello porá tamén a disposición da cidadanía espazos de apoio en todas as bibliotecas municipais, centros cívicos, Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana e na Universidade Sénior así como información detallada no teléfono de atención cidadá 010.

Execución de propostas

A titular da área de Participación e Innovación Democrática aseverou que o Concello está a traballar na execución dos 21 proxectos gañadores da primeira edición dos Orzamentos Participativos e que se incorporaron ao capítulo de investimentos do presuposto vixente. 'Nas próximas datas dúas novas propostas verán a luz, unha delas no mes de setembro, e a maior parte das iniciativas resultantes do proceso fará o propio neste último trimestre do ano', explicou. 'Debido á data de aprobación do presuposto municipal deste ano, a posta en marcha de varios proxectos adiouse, pero contra o final do ano estarán rematados arredor do 75% dos mesmos', aseverou a edil.

A concelleira explicou que cada un dos 21 proxectos, de diversa natureza e aplicación, 'e todos teñen a obriga de ter distintos trámites administrativos ou de contratación'. No caso de Medio Ambiente, ademais, 'as propostas precisan levarse a cabo na época de plantación. 'Hai outras propostas complexas, como pode ser a da Tarxeta Millennium no móbil, sobre a que se está a traballar arduamente, pero como xa o propio informe técnico avanzou, os prazos de execución son máis longos, polo que estará no 2018', explicou Delso.