Ayuntamiento de A Coruña

07/03/2018 | News release | Distributed by Public on 07/03/2018 11:05

A Coruña afonda na promoción como destino de congresos da Spain Convenion Bureau, onde solicitará acoller a próxima asemblea anual desta entidade composta por 55 destinos

O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, participará esta semana na asemblea anual da Spain Convenion Bureau, evento que se celebra os días 5 e 6 de xullo nas Palmas de Gran Canaria e ao que acoden representantes dos 55 destinos englobados nesta asociación especializada en turismo congresual. Segundo explicou o responsable municipal 'trátase dunha nova oportunidade para afondar na nosa promoción como cidade de congresos'. De feito, durante as xornadas, Lema presentará a candidatura da Coruña para acoller en 2019 a vindeira asemblea do ente turístico.

'A promoción da Coruña como unha cidade que pode acoller, polas súas infraestruturas e a súa oferta cultural, patrimonial e hostaleira, congresos e eventos que reúnan a grupos de máis de 500 persoas é unha das apostas que nos marcamos no propio Plan Estratéxico de Turismo posto en marcha polo actual goberno local', explica Lema. 'Participar nesta asemblea, así como asistir a outras feiras e workshops e actualizar os nosos materiais para publicitar A Coruña como destino de congresos (MICE, en palabras do sector), coa edición dunha guía profesional, son algúns dos retos que temos encomendamos e nos que estamos a traballar', comentou.

A Coruña forma parte da Spain Convenion Bureau dende o ano 1998. Para participar da mesma é necesario acreditar unha oferta hoteleira e de infraestruturas congresuais mínima. A asociación, en colaboración con TurEspaña presta ás cidades asociadas distintos servizos relacionados con xornadas técnicas formativas e estudos de mercado, así como trata de facilitar a súa participación nas feiras máis importantes de turismo de negocios. No programa da asemblea deste ano abordaranse temas tan importantes como as novas tendencias do turismo urbano, a xestión das infraestruturas turísticas e o reto do big data no turismo de reunións.