Ayuntamiento de A Coruña

02/18/2019 | News release | Distributed by Public on 02/18/2019 14:12

A Coruña afonda no seu posicionamento como destino de congresos coa celebración en xuño do Iberian Mice Forums, destinado ao encontro de profesionais do sector dos eventos

O Consorcio de Turismo vén de dar un novo paso para afianzar a posición da cidade como destino congresual. Así, e coa colaboración deste ente dependente do Concello, A Coruña acollerá, entre o 25 e o 27 de xuño, a edición estatal do Iberian Mice Forums, unha cita de referencia na industria ibérica de reunións e eventos que busca poñer en contacto a profesionais do sector. 'Baséase, fundamentalmente, na creación dun espazo de encontros one to one no que provedores de eventos, por un lado, e destinos congresuais polo outro, poidan establecer relacións comerciais de confianza', explicou en rolda de prensa o presidente do Consorcio e concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen manifestou que 'da celebración deste evento no recinto de Palexco, poden, ademais, saír novos encontros para acoller'. O edil manifestou que o Consorcio de Turismo 'fixo un gran traballo ao longo deste mandato para mellorar a posición da cidade como destino congresual e de eventos, como polo de atracción turística'. Así, recordou que, a pasada semana, tanto el como a xerenta do ente turístico, Lanzada Calatayud, estiveron presentes en Edimburgo (Escocia) na asemblea da European Cities Marketing (ECM), asociación internacional que se adica a fomentar a promoción das cidades europeas dende o punto de vista do turismo urbano sustentable, unha das grandes potencialidades da Coruña segundo o propio Plan de Estratéxico de Turismo (PET), 'que contempla este segmento turístico como unha liña moi importante'. 'Hai que ter en conta que o gasto medio do turista congresual ou que acode á cidade pola celebración dun evento, xa sexa destas características como tamén deportivo ou cultural, ten un gasto medio superior ao doutros perfís de visitantes', salientou.

Nunha rolda de prensa na que ademais de Lema e Calatayud, tamén estivo presente Andrés Merino por parte do Iberian Mice Forums, o concelleiro salientou que o evento servirá para poñer en contacto a 45 entidades desenvolvedoras de eventos con 40 empresas organizadoras. A axenda do foro consta ademais de 25 citas one to one para poñer en contacto a compradores e organizadores, así como un intenso programa social que servirá, por outro lado, para favorecer a promoción da cidade como propio destino congresual. Merino, que agradeceu a implicación de Concello e Deputación da Coruña como entidades colaboradoras, manifestou que 'este foro no es, al final, un encuentro meramente privado entre ofertantes y demandantes, también es una oportunidad para dar a conocer un destino en profundidad'. 'Esta no es una feria al uso, tiene un carácter muy exclusivo y personalizado, con los encuentros one to one entre organizadores de eventos y proveedores de servicios. Pero, además, lo que estamos haciendo es dar a conocer muchos de los mejores recursos de la propia A Coruña como espacio de celebración de eventos, desde su gastronomía a sus espacios', indicou, para destacar que o da Coruña será o sexto encontro centrado en operadores e provedores de España e Portugal.

Pola súa banda, a xerenta Calatayud salientou a importancia deste congreso xa que 'non é o mesmo vender A Coruña como destino, por exemplo, en Barcelona, que o que supón poder traer á cidade ás entidades de organización de eventos de Barcelona e amosarlles a cidade, así como as infraestruturas que posúe e que cumpren con creces as expectativas dun destino congresual'. Para máis información sobre o congreso acudir á www.iberianmiceforums.com.