Ayuntamiento de A Coruña

10/02/2017 | News release | Distributed by Public on 10/02/2017 07:08

O Concello abre unha consulta pública previa á redacción da ordenanza que regulará o procedemento para realizar eventos non permanentes no espazo público

A Concellería de Medio Ambiente abre desde hoxe unha consulta á cidadanía, previa á elaboración da nova ordenanza que regulará os eventos non permanentes nos espazos públicos do municipio da Coruña, na procura dunha maior participación no procedemento de elaboración das normas, antes da redacción do documento. A ordenanza vai dirixida a regular os procedementos de autorización administrativa dos eventos non permanentes que se celebren na vía pública, coa finalidade de clarificar, simplificar e axilizar o procedemento para a súa autorización, e garantir a seguridade e o respecto ambiental no seu desenvolvemento. Neste sentido, a concelleira desta área, María García, sinala que a ordenanza é 'o instrumento idóneo para clarificar o procedemento aplicable que deben seguir as persoas e entidades promotoras de eventos para poder levalos a cabo, cumprindo coas condicións técnicas e administrativas, así como para mellorar a coordinación entre os diferentes servizos municipais, que interveñen no control dos citados eventos'.

A través deste proceso de consulta, o Concello pretende recabar a opinión da veciñanza e as organizacións sobre a futura norma, tendo en conta o incremento progresivo da organización deste tipo de eventos que se vén producindo nos últimos anos e unha maior demanda social, aspectos que xustifican a oportunidade de levar a cabo unha norma municipal cos obxectivos indicados. Deste xeito, desde hoxe e durante 15 días, calquera cidadán ou cidadá, organización ou asociación poderá consultar as súas liñas básicas a través da web municipal, , e realizar as súas achegas a través do formulario.