Results

Universidade de Santiago de Compostela

04/10/2017 | News release | Distributed by Public on 04/10/2017 04:58

O uso tradicional de plantas medicinais en Galicia centra este mes un obradoiro formativo na Estación Científica do Courel

[Attachment]
Cartaz do obradoiro de usos tradicionais de plantas medicinais

A Estación Científica do Courel organizará do 21 ao 23 de abril un obradoiro sobre o uso medicinal de plantas tradicionais en Galicia,un programa formativo e de divulgación que xa vai pola segunda edición e que seá impartido pola licenciada en Farmacia pola USC María Moure Oteiza. As persoas interesadas en participar neste programa, que está estruturado en 11 horas de formación teórica e práctica, aínda poden formalizar a súa inscrición ata o 18 de abril.

O programa desta actividade programada pola USC na Estación Científica do Courel, un centro universitario dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez, ofrece unha formación de carácter intensivo e inclúe dúas excursións a campo, onde o alumnado poderá poñer en práctica os coñecementos adquiridos. As sesións teóricas, distribuídas en catro horas de clase por día con media hora de descanso polo medio, comezarán cunha primeira charla de introdución e achegamento á temática do obradoiro. As 9 sesións seguintes basearanse na elaboración de fichas técnicas de diferentes plantas medicinais, a razón de 3 plantas medicinais por hora. Un coloquio final para atender as dúbidas, comentarios e preguntas dos asistentes, servirá de colofón do programa.

Cada unha das fichas técnicas propostas para a súa elaboración no marco deste obradoiro atinxe a unha planta medicinal común utilizada en Galicia a nivel tradicional, tomando como referencia as utilizadas na Serra do Courel. Trátase dun total de 30 plantas clasificadas por orde alfabética. De cada unha delas estudarase o seu uso, tanto o recolleito pola Farmacopea oficial como o tradicional. Tamén se estudarán as partes utilizadas e a preparación, así como as precaucións de uso e, no caso de que procedese, o seu significado máxico-medicinal, así como refráns, lendas e cancións. O devandito estudo completaríase cos coñecementos achegados polos asistentes.

A inscrición é gratuíta ata o día 18 de abril e pode facerse a través dos números de teléfono 982 821 901 (en quenda de tarde), 648 051 928, 600 942 418, ou mediante o envío dun correo electrónico a [email protected] ou a [email protected]. As persoas solicitantes deben indicar na súa solicitude de matrícula nome e apelidos, DNI con letra, dirección postal e número de teléfono.