Results

Ayuntamiento de Ourense

01/08/2019 | News release | Distributed by Public on 01/08/2019 12:38

O Concello de Ourense ofrece a súa colaboración a Amnistía Internacional para a celebración na cidade da 45 Asemblea Xeral Federal desta ONG en España

Durante a fin de semana do 26 ao 28 de abril, Ourense será a capital española dos Dereitos Humanos. Este fito virá da man da celebración na cidade da 45 Asemblea Xeral Federal de Amnistía Internacional en España, o máximo órgano de representación desta ONG a nivel estatal e que leva defendendo os Dereitos Humanos en todo o mundo desde 1961 e con máis de 8 millóns de socios en todo o mundo.

Por este motivo, o presidente de Amnistía Internacional en Galicia, Jonathan Domínguez; e a coordinadora do Grupo de Acción en Ourense, Alba Fernández, mantiveron o oito de xaneiro unha reunión institucional co alcalde, Jesús Vázquez Abad, para establecer liñas de cooperación entre o Concello e a ONG para o desenvolvemento da asemblea, que reunirá na cidade a preto de 400 persoas de toda España e outras 50 persoas como persoal técnico. 'Un dos obxectivos que perseguimos as/os activistas de Amnistía nesta cidade cando presentamos a candidatura para ser sede da Asemblea Xeral Federal foi o de de visibilizar Ourense e os seus atractivos turísticos, por iso queremos implicar a tódolos axentes neste evento, pois situaranos como capital española dos Dereitos Humanos', explica o presidente de Amnistía Internacional en Galicia, Jonathan Domínguez.

'Que un organismo da importancia e a relevancia de Amnistía Internacional decida elixir a Ourense, por primeira vez na súa historia, como sede do seu máximo órgano de representación a nivel estatal é unha honra para esta cidade e desde o Concello prestaremos o apoio preciso para que sexa un éxito', sinala o rexedor ourensán. 'Queremos que os participantes na Asemblea teñan a mellor das experiencias durante o tempo no que estén na nosa cidade', recalca Vázquez Abad.