Results

Ayuntamiento de A Coruña

02/14/2019 | News release | Distributed by Public on 02/14/2019 11:01

O goberno local habilita un Visor de Obras na web municipal, “unha ferramenta que afonda na transparencia, para ofrecer á cidadanía información actualizada sobre as distintas[...]

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, deu a coñecer esta mañá o Visor de Intervencións Municipais, unha aplicación de rendemento de contas á cidadanía que permite ter información, a través da web municipal, das actuacións tanto executadas como en proxecto. A aplicación, que segundo indicou o edil está en constante actualización, 'permitirá aos veciños e veciñas ter constancia das actuacións que se fixeron na cidade nos últimos catro anos'. A nova aplicación, que xa se pode consultar na web municipal será actualizada de forma continúa para ir incluíndo todas as intervencións que se acometen no espazo público.

A ferramenta estrutúrase sobre tres clasificacións, como son as intervencións en espazo público, sinaladas en cor violeta, ás de sostibilidade (verde) e as edificativas (en azul). Desta forma, 'a cidadanía poder ter información sobre actuacións que teñen que ver coa accesibilidade, a urbanización e a mellora da mobilidade en xeral, pero tamén sobre intervencións propias dunha cidade verde, como saneamento e iluminación e aquelas que teñen que ver coa construcións de infraestruturas sociais, equipamentos públicos e deportivos ou vivenda municipal'.

Varela fixo fincapé en que esta ferramenta dá mostra da 'transparencia' do goberno local. 'Parecíanos moi relevante ter unha aplicación coma esta, de cara ao rendemento de contas ante a cidadanía, para que os veciños e veciñas saiban que é o que se fai cos seus recursos desde o Concello', dixo o responsable municipal, que tamén salientou que 'o executivo levou a cabo numerosas actuacións en materia de saneamento e de melloras de subsolo, moi necesarias, pero que teñen unha escasa visibilidade ou coñecemento'. 'Queremos que a xente poida saber que é o que se fixo na súa contorna, e tamén nos parece relevante que os e as coruñesas poidan ver nun plano a distribución das actuacións desenvolvidas polo Concello, porque aí queda patente a realidade de como se distribúen os recursos pola cidade, da maneira máis equilibrada posible por todos os barrios'. Por outro lado, o Visor de Obras permite tamén apreciar as obras programadas pero que aínda non comezaron a executarse e, nalgún caso, tamén actuacións aínda en proxecto. A nova aplicación posta en marcha pola Concellería de Rexeneración Urbana inclúe, ademais, información básica sobre as actuacións: orzamento, estado da obra, data prevista de remate e, incluso, documentación gráfica. 'O Visor estará sempre en continua actualización, polo que iremos traballando para que tamén mellore', advertiu.

'Para nós é moi gratificante contar cunha ferramenta coa que podemos contarlle á veciñanza da cidade que é o que fixemos e que estamos facendo. Ademais é tamén un recoñecemento do traballo realizado ao longo destes catro anos polos e polas funcionarias municipais e por todas as persoas deste goberno que contribuíron a resolver ou, cando menos, afrontar demandas históricas que tiña esta cidade, que eran moitas. Aínda queda moito por facer, pero creo que fomos quen de solucionar as demandas máis acuciantes dos barrios', dixo o concelleiro.

Obras de accesibilidade

A este respecto, o edil Varela tamén anunciou o inicio, nos próximos días, de distintas obras de mellora de accesibilidade, que estarán presentes no novo Visor. Serán en Durmideiras, Castrillón, Palavea e o Ventorrillo. 'Son intervencións que emanan de demandas da cidadanía e que xa foron presentadas ás asociacións veciñais correspondentes', explicou Varela, quen indicou que a intervención de Durmideiras baséase nunha mellora das condicións de accesibilidade dun barrio que conta cunha poboación de idade avanzada que conta con 'puntos negros de accesibilidade, como o da entrada por San Amaro'. A obra inclúe a creación dunha rotonda para regular o tráfico rodado neste punto perigoso, así como a ampliación das beirarrúas do cruce, o que permitirá a creación dun paso de peonil. O importe é duns 30.000 euros e desenvolverase durante o mes de marzo. Con ela, mellórase tamén a parada de bus e se introducirá unha estación para aparcamento de bicis.

A segunda intervención terá lugar no cruce da rúa Castrillón, á altura do número 10, e vai dirixida, igualmente, a melloras de accesibilidade. O proxecto neste caso pasa por mellorar os pasos peonís, adaptándoos á normativa vixente, ampliar onde sexa posible as beirarrúas e reordenar as prazas de aparcamento. 'O custo ronda os 10.000 euros e, como tratamos de facer sempre, do que se trata tamén é de xerar espazos de estancia nos pasos peonís, coa colocación de árbores e bancos, na liña de humanización do espazo público', explicou Varela.

A terceira intervención en axenda consistirá na mellora da parada de buses de Palavea. 'Comezará o próxima día 25, data para a que Fomento nos concedeu o permiso do que depende a obra. Ten un custo de 10.000 euros, destinados a adaptar a parada á normativa de accesibilidade vixente, así como a mellorar a conexión coa pasarela peonil', dixo, para dar paso á última actuación, que terá lugar no Ventorrillo. 'Imos mellorar toda a accesibilidade e seguridade na contorna do centro de saúde, intervindo en todos os pasos peonís e paradas de autobús. O investimento previsto é de 40.000 euros e o inicio está previsto nas próximas semanas', aclarou.

A maiores, o concelleiro deu conta dunha serie de traballos que se acometerán nas próximas semanas no Barrio das Flores por petición veciñal, e que atinxen á praza central do barrio. 'É unha obra de acondicionamento que empezará nas escaleiras, por ser esta a parte máis deteriorada. 'Esta intervención farase respectando os criterios de urbanización deste barrio, que como sabedes é un ámbito cunha gran riqueza patrimonial, urbanística e arquitectónica', puxo de relevo. En paralelo, a concellería prevé melloras do aglomerado das rúas Hortensias, Xirasoles e Violetas, que suporán un gasto conxunto duns 150.000 euros.