Ayuntamiento de A Coruña

09/07/2017 | News release | Distributed by Public on 09/07/2017 05:52

A Xunta de Goberno local aproba este venres unha modificación orzamentaria que atende necesidades das entidades asociativas da cidade e que se financia cos aforros obtidos tras[...]

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres a un modificativo de crédito que busca dar cobertura ás necesidades das entidades asociativas da cidade, principalmente aquelas que desenvolven as súas actividades no ámbito deportivo e socio-sanitario. O cambio de destino de partidas orzamentarias, que terá que ser posteriormente ratificado nunha sesión plenaria de carácter extraordinario, suporá un incremento nas dotacións dos convenios con distintas entidades da cidade por valor de 739.800 euros. Estes, sumados aos 254.000 aprobados de forma inicial no Pleno celebrado o pasado 28 de xullo, elevarán os recursos totais do Concello destinados ao financiamento deste tipo de asociacións por encima dos destinados o pasado exercicio. En rolda de prensa, a concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, salientou que este modificativo, froito dos acordos e conversas mantidas entre o goberno local e o grupo municipal socialista, se financiará, ademais, grazas aos aforros conseguidos coa cancelación do Plan de Axuste subscrito en 2012 polo anterior executivo. 'Mediante a amortización anticipada dos créditos vinculados ao mesmo, conseguimos un aforro que posibilita que poidamos incrementar as partidas destinadas ao tecido asociativo da cidade', indicou a concelleira.

'Este goberno non deixa a ninguén atrás, e esta é unha nova mostra desa máxima. Non deixamos nin deixaremos nunca aos pés dos cabalos ás entidades sociais da cidade, porque respectamos e apoiamos o seu traballo que contribúe a facer desta unha cidade máis igualitaria. Estamos satisfeitas de poder asumir estes investimentos co aforro que o anterior goberno local dedicaba a asumir débeda con entidades bancarias, algo, por certo, que non só aumentaba o nivel de endebedamento do Concello, senón que evitaba que puidese participar en organismos ou consorcios como o que podería xestionar os usos públicos dos terreos do porto', comentou Vieito, en relación ás limitacións que traía aparellado o Plan de Axuste.

Créditos de 2016

Á marxe, a Xunta de Goberno local tamén dará o visto e prace este venres a outro modificativo, neste caso, por valor de 2,1 millóns de euros, necesario para dotar de crédito gastos iniciados en 2016, que non chegaron a completar a súa execución. Segundo aclarou a concelleira, estes gastos, que se trasladan dun exercicio para o seguinte, adoitaban ser financiados co remanente líquido de tesourería. Non obstante, este ano é necesario financialo coa baixa doutras partidas ao non poder financiarse co remanente por ser esta magnitude inferior ao superávit orzamentario. 'Trátase dunha imposición da Lei de Estabilidade Orzamentaria do señor Montoro que, unha vez máis, volve cargar contra as administracións locais que fan os seus deberes'.

Vieito indicou que as baixas seleccionadas se corresponderán con partidas que non se darán gastado na súa totalidade a final de ano, 'cousa que aproveitaremos para financiar estes gastos iniciados en 2016 e que terán unha importante repercusión social na cidade xa que, entre outras cuestións, servirán, por exemplo, para facer fronte á obras de mantemento e mellora nos centros educativos'.

Pleno ordinario

En paralelo, a titular de Facenda recordou que o Pleno ordinario que se celebrará este luns debaterá a aprobación definitiva doutro modificativo polo que se lle dá destino aos 3,6 millóns de euros procedentes dos dividendos de Emalcsa do ano 2016. Este cambio de destino foi aprobado de forma inicial en sesión plenaria o pasado xullo tamén, neste caso, froito dunha negociación entre o goberno local e o PSOE e en cumprimento dos compromisos acadados do grupo municipal do BNG no período de conversas anteriores a aprobación dos orzamentos municipais. 'Non obstante, a aprobación definitiva deste modificativo viuse adiada no tempo debido a que o PP decidiu presentar unha alegación, unha vez máis. Neste caso, unha copia exacta da emenda que xa presentou á aprobación inicial deste modificativo e que xa foi rexeitada polo Pleno. Insistir así só pode explicarse se pola súa banda existe un interese deliberado de obstaculizar non só a acción do goberno, senón a aprobación dun modificativo froito da negociación e o acordo'.